A sede da Fundación C.E.L. Iniciativas por Lugo acolleu onte a última das xornadas de difusión da segunda edición de Responsabilízate á que un total de 11 empresas se achegaron para coñecer máis sobre esta iniciativa.
Ao igual que nas tres xornadas anteriores, a encargada de presentar os aspectos clave do programa foi María Coutinho, subdirectora xeral de Relacións Laborais, que destacou todo o que Responsabilízate pode facer polas pequenas e medianas empresas e autónomos galegos en materia de responsabilidade social empresarial, xa que desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria estase a fomentar a RSE entre o tecido empresarial galego para aumentar a competitividade e a eficiencia das compañías da comunidade. A subdirectora xeral indicou tamén que o prazo para participar no programa continúa aberto e que se pechará no momento que se acade o número máximo de empresas segundo a dispoñibilidade orzamentaria.
José Luis Villasante, de Extel Facilities, foi o representante das empresas da convocatoria pasada, que contou aos asistentes como foi a experiencia da empresa no programa. Durante a súa intervención puxo en valor o programa, incidindo en que lles axudou a materializar o que xa estaban facendo e a implantar novas medidas, tendo en conta sempre os recursos dos que dispón unha peme.
Nesta xornada contouse ademais coa participación dun dos titores da primeira edición, Alexandre Pereira, que falou das labores de titorización e as claves na relación entre titores e empresas ao longo do programa. Na súa exposición tamén comentou exemplos de boas prácticas que levan a cabo diferentes pemes da provincia de Lugo.
Desde RSE Xunta de Galicia queremos agradecer tanto aos asistentes desta xornada, como aos das tres anteriores celebradas na Coruña, en Vigo e en Ourense, o seu interese por este programa e por mellorar a través da responsabilidade social empresarial. Recordamos tamén que as solicitudes para participar na segunda edición deberán efectuarse de forma obrigatoria na sede electrónica da Xunta de Galicia.