Desde a Xunta de Galicia quérese avanzar cara unha Galicia igualitaria, responsable e competitiva, na que empresas e administración traballen cara a unha sociedade responsable e un desenvolvemento sustentable, no contexto dos retos globais; unha Galicia como espazo de oportunidades para un desenvolvemento social, ambiental e económico responsable, baseado na colaboración dos axentes públicos e privados e dos grupos de interese.
No marco do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 desenvólvese a Estratexia Galega de RSE 2019-2021, a través da cal se busca promover que as empresas galegas se desenvolvan atendendo de forma equilibrada ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno, así como ás demandas dos seus grupos de interese para construír unha Galicia de futuro.
Por que se desenvolve esta estratexia?
Nun contexto global no que xurdiron diversas iniciativas para impulsar o traballo das empresas en busca de solucións para unha sociedade mellor, resulta imprescindible adaptarse ás novas necesidades empresariais e sociais, para garantir un desenvolvemento sustentable, impulsar a competitividade das empresas, aliñar as organizacións cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a Axenda 2030 e, en definitiva, favorecer unha sociedade máis igualitaria e integradora, que consiga reducir as desigualdades e mellorar a calidade de vida e a conservación da contorna.
En Galicia, as empresas máis innovadoras, líderes nos seus mercados e comprometidas co planeta e a sociedade, están a desenvolver políticas e estratexias responsables. Podemos destacar as compañías do Grupo de Representación Empresarial Galego en materia de RSE, que consideran a responsabilidade social empresarial como clave na súa estratexia.
Por iso, as proridades desta estratexia inclúen a promoción de comportamentos responsables voluntarios, que vaian máis alá da lexislación vixente, e o impulso do compromiso nos ámbitos económico, ambiental, social e de bo goberno entre as empresas, a administración e os grupos de interese. A través dela integraranse condutas responsables nas estratexias e políticas da administración autonómica e favorecerase un diálogo aberto e transparente.
En resumo, será o elemento clave para impulsar a creación de valor compartido na comunidade.
- Mellorar a competitividade de pemes e grandes empresas a través da responsabilidade social empresarial.
- Facilitar a xestión da RSE nas empresas.
- Impulsar un emprego de calidade, atendendo á diversidade e á igualdade
- Mellorar a formación e coñecemento da RSE no tecido empresarial.
- Recoñecer aquelas iniciativas empresariais referentes no eido da responsabilidade social empresarial.
- Divulgar o contexto global da sustentabilidade.
- Impulsar unha Galicia máis sustentable de futuro coa responsabilidade social empresarial como elemento diferencial.