Dimensións

No seo da sostibilidade social empresarial distínguense dúas vertentes, unha interna e outra externa. Dentro da empresa, as prácticas socialmente responsables afectan fundamentalmente ao persoal e ao ambiente. Pola súa parte, a dimensión externa recolle as relacións da empresa coas comunidades, entidades asociadas comercialmente, provedoras e inversoras, clientela, ONG, así como a consideración do respecto polos dereitos humanos e das preocupacións ambientais globais.

 

Dimensión interna

  • Xestión de recursos humanos: investimento en programas de formación permanente do persoal, procura dunha maior diversidade, equilibrio entre traballo, familia e lecer ou garantía de igualdade para as mulleres.
  • Saúde e seguridade no traballo: tomar accións preventivas e asegurarse que todos e todas no seu posto de traballo coñecen os procedementos na materia.
  • Adaptación ao cambio: preservar a moral e motivación dos traballadores e das traballadoras, ter en conta os intereses e preocupacións de todas as persoas afectadas polos cambios ou ofertar cursos de reciclaxe profesional ao persoal se é necesario.
  • Ecoloxía interna: reducir as emisións e residuos, xestionando as fontes e seleccionando os recursos, apostar polo reciclado dos residuos e dos produtos fabricados, implicar a toda a organización no respecto ao contorno e impulsar a ecoeficiencia.

Dimensión externa

  • Comunidades locais: dar preferencia ás entidades provedoras locais, crear emprego, facer doazóns a ONG, poñer en marcha iniciativas sociais, deportivas, ambientais ou de cooperación ao desenvolvemento e voluntariado corporativo.
  • Provedores e clientes: implantar principios éticos na política de compras a entidades provedoras e en materia de comercialización e publicidade, así como nos dereitos dos consumidores e das consumidoras.
  • Desenvolvemento sustentable: informar sobre os aspectos ambientais e sociais contemplados no produto e/ou servizo, estendendo e compartindo as boas prácticas ao longo de toda a cadea de valor, implicando a provedores e clientes.
  • Códigos de conduta: en materia de dereitos humanos, condicións laborais e xestión ambiental a impoñer ás entidades comercialmente asociadas a ela.