A Xunta presenta na Coruña a segunda edición do programa Responsabilízate

A Xunta presenta na Coruña a segunda edición do programa Responsabilízate

Imprimir Email
(0 votos)

O programa Responsabilízate comezou hoxe as súas xornadas de difusión da segunda edición nun encontro que tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, á que asistiron un total de 23 empresas. 

María Coutinho, subdirectora xeral de Relacións Laborais, foi a encargada de abrir esta xornada, na que declarou que desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria se persegue fomentar a responsabilidade social empresarial porque esta permite que as empresas sexan máis competitivas e poidan atender ás demandas do mercado dunha maneira eficaz.

Durante a súa intervención, a subdirectora xeral destacou todo o que o programa Responsabilízate pode facer polas pemes e autónomos galegos e recordou aos asistentes que o prazo para presentar as solicitudes continúa aberto. 

Nestas xornadas de difusión cóntase coa colaboración de participantes na primeira edición. Nesta ocasión, Teresa Nera, de M. Caeiro, empresa que foi galardoada nos Premios RSE Galicia, relatou a súa experiencia no paso polo programa e destacou a labor que este realiza, poñendo en valor as accións responsables que xa se levan a cabo nas empresas. 

Jonathan Balay, de Arceclima, foi o segundo encargado de falar da edición pasada. Ademais de describir exemplos de boas prácticas que levan a cabo, destacou o seu paso polo programa e recomendou aos asistentes inscribirse na actual convocatoria. 

Por último, a titora da provincia da Coruña, Marga Borreguero, expuxo algunhas das claves da relación entre os participantes e os titores que os acompañan no seu paso por Responsabilízate. 

Desde RSE Xunta de Galicia queremos agradecer o interese de todas as empresas asistentes polo programa Responsabilízate e a responsabilidade social empresarial, así como a colaboración dos participantes na anterior edición. Recordamos que o prazo para participar seguirá aberto ata alcanzar o número máximo de empresas segundo a dispoñibilidade orzamentaria e que as solicitudes se teñen que tramitar de xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén recordamos que o programa Responsabilízate é só unha das accións que se realizan desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que fomenta a responsabilidade social empresarial con incentivos como as axudas para a implantación da RSE, a igualdade e a conciliación laboral e persoal, cuxo prazo para as solicitudes remata mañá xoves, 28 de xuño.