O programa Responsabilízate preséntase ante as empresas da provincia de Ourense

O programa Responsabilízate preséntase ante as empresas da provincia de Ourense

Imprimir Email
(0 votos)

Esta mañá tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios de Ourense a terceira das xornadas de difusión do programa Responsabilízate, a iniciativa da Xunta de Galicia para achegar a responsabilidade social empresarial ás pequenas e medianas empresas e autónomos de Galicia. Nesta ocasión asistiron 10 empresas.

A xornada comezou coas exposicións das empresas participantes na primeira edición do programa. Alberto Vila, de Apetamcor, falou do seu paso polas diferentes fases de Responsabilízate e describiu as medidas prioritarias do plan de acción da empresa para a mellora da mesma. Pola súa parte, Josefa de León, de Agroamb Prodalt SA, ademais de contar a experiencia na anterior convocatoria, falou de boas prácticas e conceptos relacionados coa responsabilidade social empresarial, como a economía circular ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS)

Tras escoitar as experiencias das empresas, María Coutinho, subdirectora xeral de Relacións Laborais, falou de todas as vantaxes e servizos que o programa ofrece ás empresas galegas. A subdirectora xeral animou tamén aos asistentes a realizar a súa inscrición recordando que o prazo para que os interesados en participar fagan as súas solicitudes segue aberto e se pechará cando se acade o número máximo de empresas segundo a dispoñibilidade orzamentaria. 

Desde RSE Xunta de Galicia queremos agradecer o interese de todas as empresas asistentes da provincia de Ourense polo programa e pola responsabilidade social empresarial, así como a colaboración dos participantes na anterior edición. Recordamos aos interesados no programa Responsabilízate que, para participar, deberán tramitar a súa solicitude de xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén queremos destacar que Responsabilízate é só unha das accións que se realizan desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria para fomentar a RSE entre o tecido empresarial galego.