A sostibilidade social empresarial debe ser voluntaria?
A sostibilidade social empresarial implica por definición adquirir un compromiso voluntario indo alén do cumprimento da lexislación vixente. En calquera caso, empézase a aceptar a necesidade de establecer certas regras e mecanismos para, por un lado, motivar a implantación da sostibilidade nas empresas e, por outro, garantir que se fai de xeito adecuado.
A sostibilidade social empresarial obriga a empresa a incorrer en custos?
Moitas das actuacións poden precisar investimentos ou asumir algúns gastos adicionais. Con todo, hai moitos xeitos de definir unha estratexia de sostibilidade o seu enfoque non ten que supoñer necesariamente un gran esforzo financeiro. Polo tanto, á hora de deseñar e implantar unha estratexia de sostibilidade as empresas deben escoller aquelas que ofrezan a mellor relación custo-beneficio.
Cal é a relación entre a sostibilidade social empresarial e o Desenvolvemento Sustentable?
O Desenvolvemento Sustentable é o proceso de crecemento e progreso que equilibra o alcance de obxectivos económicos, sociais e ambientais. A sostibilidade social empresarial é a achega empresarial a ese proceso.
Cales son os aspectos máis importantes da sostibilidade nos que se debe centrar a miña empresa?
A sostibilidade engloba a atención a cuestións ambientais, económicas, laborais e sociais, e todas deben ser atendidas de xeito integrado. Unha empresa non será verdadeiramente responsable se desatende calquera destas áreas. É preciso que a empresa identifique cales son os grupos de interese máis importantes (os que gardan maior relación con ela e poden ter unha maior influencia sobre ela, e viceversa) e as súas necesidades máis urxentes para orientar a definición e implantación da estratexia de sostibilidade nesa dirección.
É igual a sostibilidade nunha empresa grande ca nunha peme?
A sostibilidade nas empresas dependerá de moitos parámetros: sector, tamaño, localización xeográfica... Deste xeito, non existen estratexias de sostibilidade estandarizadas aplicables en calquera tipo de empresa. Aínda que as pemes conten con menos recursos para implantar a sostibilidade, especialmente financeiros, as súas estratexias son igualmente valiosas e eficaces.
É importante certificar a sostibilidade da empresa?
O importante é que o sistema sexa coherente e estea integrado na xestión cotiá da empresa e na súa estratexia global. A certificación dos sistemas de xestión moitas veces o único que xera é a necesidade de superar trámites administrativos que requiren investir tempo, esforzo e cartos sen que os beneficios obtidos a cambio sexan notables. Non obstante, podes botarlle un ollo aos estándares existentes relacionados coa materia na sección "Ferramentas".
Que é unha memoria de sostibilidade?
A memoria de sostibilidade é un documento onde se explica o compromiso coa sostibilidade e as actuacións concretas desenvolvidas con cada grupo de interese nun determinado período. Descríbense as actuacións en materia ambiental e laboral, así como coa clientela e coas comunidades locais nas que a empresa traballa.
É o mesmo unha memoria de sostibilidade ca un balance social?
O balance social é tamén un documento que resume as actuacións en materia de sostibilidade da empresa, se ben cun determinado formato e baixo uns criterios concretos diferentes dos empregados na elaboración de memorias de sostibilidade. Nalgunhas empresas, ademais, o balance social é un instrumento que vai máis aló da elaboración de información e comunicación sobre a sostibilidade da empresa, xa que está pensado para ser utilizado na propia xestión e control da sostibilidade, empregándoo no establecemento de obxectivos, o deseño e selección de actuacións e o control do cumprimento das metas fixadas.
É o mesmo unha memoria de sostibilidade ca un relatorio de xestión?
Non. O relatorio de xestión adoita acompañar ás contas anuais que as empresas deben publicar de acordo coa normativa contable vixente (balance, a conta de resultados e memoria). Contén variables e indicadores financeiros, aínda que ás veces inclúa información non financeira relacionada co ambiente, o persoal, etc. Non obstante, o alcance dos temas de sostibilidade nun relatorio de xestión é moi reducido.
Pode a miña empresa ser responsable se a miña clientela e entidades provedoras non o son?
A sostibilidade na empresa debe alcanzar a toda a súa cadea de valor, desde a adquisición de materias primas ata os consumidores e usuarios. A responsabilidade da empresa empeza por implantarse no seu propio interior e debe estenderse a todas as entidades asociadas comercialmente.
Que diferenza existe entre a conformidade das memorias de sostibilidade coa GRI e a seguridade de memorias de acordo coa norma AA1000?
A conformidade dunha memoria de sostibilidade coas directrices do GRI supón que a memoria se elaborou seguindo a devandita guía e dando cumprimento aos seus requisitos formais pero non garante nin a calidade nin a veracidade da información contida pola memoria. Pola contra, a seguridade que se proporciona de acordo coa norma AA1000 garante que a información contida na memoria é veraz, pertinente e fiable e satisfai razoablemente as expectativas de información dos grupos de interese.
Que é o bo goberno corporativo?
Refírese fundamentalmente a asegurar a independencia das comisións máis importantes dos Consellos de Administración das empresas, informar con transparencia aos mercados, cumprir as normas sobre uso de información privilexiada, e garantir os dereitos de pequenos accionistas e quen os representa. Considérase o primeiro paso necesario para implantar a sostibilidade na empresa.
Que é o investimento socialmente responsable?
O investimento socialmente responsables é aquel que permite ás persoas ou entidades investidoras combinar os seus obxectivos financeiros cos seus valores sociais, vinculados a ámbitos de xustiza social, desenvolvemento económico, paz e ambiente.
Que non é RSE?
Non se debe confundir a RSE con campañas de mellora de imaxe nin con actuacións puntuais de carácter ético ou solidario. As actividades de sostibilidade deben estar vinculadas e integradas na actividade básica da empresa e a súa xestión diaria, ter unha vocación de permanencia e implicar o compromiso da alta dirección.
Que papel teño como traballador/a?
Os traballadores e as traballadoras poden xogar un papel moi importante na promoción da sostibilidade e deben formar parte activa no deseño e implantación das estratexias de sostibilidade das súas empresas.
Que tipo de actuacións de sostibilidade poden xerar beneficios económicos?
No eido ambiental, as medidas de aforro nos consumos de auga, electricidade, etc. son mostras da obtención de beneficios sen case incorrer en custos. No ámbito social, un bo contorno de traballo, garantindo condicións óptimas de saúde e seguridade, pode reducir o absentismo e as baixas e mellorar a produtividade. De xeito similar, unha boa comunicación da sostibilidade pode axudar a incrementar os ingresos e fidelizar á clientela.
Hai axudas económicas para facer sostibilidade?
A Administración adoita ofrecer subvencións para fomentar políticas socialmente responsables nas empresas. Consulta o noso apartado "Axudas e incentivos".