O campus virtual en igualdade laboral da Xunta arranca con máis de 800 usuarios inscritos

O campus virtual en igualdade laboral da Xunta arranca con máis de 800 usuarios inscritos

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia estreou esta semana o seu novo campus virtual de igualdade laboral con máis de 800 usuarios inscritos que participarán en cursos de formación e webinarios, ademais de acceder a información xurídica actualizada na materia.

Este novo espazo dixital de formación comezou a súa andaina con dous cursos: un sobre igualdade laboral, no que se facilitarán a máis de 300 persoas os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade; e unha segunda formación sobre prevención e tratamento do acoso sexual do traballo, no que máis de 400 persoas aprenderán a identificar este tipo de condutas.

Nas próximas semanas serán anunciadas novas actividades, como un curso dirixido ás persoas negociadoras dos plans de igualdade ou talleres teórico-prácticos no eido das relacións laborais no referido á aplicación do principio de igualdade, ademais dun webinar sobre o rexistro administrativo dos plans de igualdade.

O camiño cara unha igualdade real

A Xunta de Galicia ten o obxectivo de dotar, de xeito totalmente gratuíto, de ferramentas de calidade ás empresas e usuarios. En palabras de María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade, “a pesares dos profundos cambios sociais e económicos das últimas décadas, seguimos ante o gran reto de pasar da igualdade legal á igualdade real”.

Tal e como explicou Lorenzana durante a presentación deste espazo en Santiago de Compostela, o goberno galego intenta acadar “o máis axiña posible” unha verdadeira igualdade, posto que as mulleres seguen enfrontándose a “grandes desvantaxes” no mundo laboral. “Con esta plataforma queremos constituír un espazo de encontro e reflexión onde se constrúa conxuntamente unha aprendizaxe colaborativa arredor do concepto de igualdade no eido profesional”, indicou.

A administración galega, referente en formación

Con este novo campus virtual Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en ámbitos referidos a plans de igualdade na empresa, conciliación e corresponsabilidade, acoso laboral ou teletraballo, entre outros. Este responde a unha folla de ruta que o goberno galego trazou para dar resposta aos retos laborais, tanto do presente coma do futuro. Ademais, dentro desta plataforma presentarase unha nova guía para a prevención e o tratamento do acoso sexual e o acoso por razón de sexo nas pemes, documento que ademais de poñerse en práctica no curso sobre esta materia estará dispoñible para o público en xeral.

O acceso ao campus virtual é a través desta ligazón. As vindeiras formacións serán anunciadas no espazo de Igualdade Laboral e na nosa web.