A Xunta promove a RSE e a igualdade entre as xeracións máis novas

A Xunta promove a RSE e a igualdade entre as xeracións máis novas

Imprimir Email
(0 votos)

A segunda edición de Xeración Responsable segue a desenvolver os seus talleres nos centros educativos galegos. Nesta ocasión, o alumnado do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra tivo a oportunidade de coñecer máis sobre a responsabilidade social empresarial e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

A Secretaria Xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, e o director deste centro, David Alvariño, puideron comprobar ao longo da xornada como as alumnas e alumnos reflexionaban sobre estes temas. Os estudantes expresaron tamén a súa visión sobre temas como a desigualdade de xénero existente, o consumo sustentable ou os novos modelos de empresa responsable.

Ao finalizar a actividade, o alumnado tivo a oportunidade de preguntar á Secretaria Xeral cuestións relacionadas co impulso da igualdade nas empresas por parte da Administración Pública e as accións levadas a cabo para conseguila. Pola súa parte, Toca explicou aos mozos e mozas como se incentiva ás empresas para que adopten comportamentos máis responsables e as medidas que se están a fomentar desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, como o programa Responsabilízate, que está desenvolvendo na actualidade a súa segunda edición

Os talleres da iniciativa Xeración Responsable continúan hoxe venres, día 16, no IES Macías o Namorado en Padrón.