As pemes da segunda edición de Responsabilízate participarán en talleres de formación presencial

As pemes da segunda edición de Responsabilízate participarán en talleres de formación presencial

Imprimir Email
(0 votos)

As máis de 130 pemes da segunda edición de Responsabilízate están xa inmersas na primeira fase desta iniciativa, que consiste en formación en materia de responsabilidade social empresarial. A través dun programa formativo, dotarase ás empresas de coñecemento e ferramentas útiles para desenvolver con éxito un modelo de negocio sustentable e competitivo. 

Esta primeira fase ten como obxectivos xerar sensibilidade e coñecemento sobre a RSE e achegar formación e información actual, práctica e rigorosa en materia de responsabilidade social empresarial. Tamén busca fomentar a autonomía das pemes no desenvolvemento e implantación da RSE.

O programa formativo está dividido en tres módulos:

  • Módulo 1: A responsabilidade social empresarial. Está dirixido ao persoal técnico en materia de RSE das pemes, para formalos na asunción de liderado que propicie un cambio do modelo de xestión cara un máis sustentable.
  • Módulo 2: RSE e competitividade. Está orientado ao persoal directivo ou xerentes das empresas participantes. Este é o colectivo coa maior capacidade para concienciar e sensibilizar aos grupos de interese e tomar as decisións para facer factible un cambio de modelo de xestión cara un máis competitivo.
  • Módulo 3: RSE e reputación. Está pensado para o persoal responsable de mercadotecnia e comercial para formalos na utilización de actuacións en RSE, como elementos de promoción, creación e mantemento da reputación corporativa.

Esta formación baséase na metodoloxía blended learning, que consiste nun proceso semipresencial. Actualmente xa se está levando a cabo a formación en liña a través da que os participantes teñen acceso a contidos formativos así como a micropíldoras audiovisuais que funcionan como reforzo do aprendido. 

Na última semana de novembro celebraranse talleres presenciais en cada unha das catro provincias galegas aos que asistirán exclusivamente as empresas participantes nesta edición do programa

Cada unha destas xornadas terá 4 horas de duración, nas que se repasará brevemente a parte teórica do aprendido durante a formación en liña e se desenvolverán casos prácticos para aplicar os coñecementos adquiridos. 

As datas son as seguintes:

28 de novembro:

  • 10:00 - 14:00 - A Coruña. Confederación de Empresarios da Coruña
  • 16:00 - 20:00 - Lugo. Fundación CEL

29 de novembro:

  • 10:00 - 14:00 - Vigo. Confederación de Empresarios de Pontevedra
  • 16:00 - 20:00 - Ourense. Confederación de Empresarios de Ourense.

Ao finalizar cada sesión presencial os participantes recibirán un certificado de asistencia.