A iniciativa Xeración Responsable, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, achégase por segundo ano consecutivo ás aulas para promover a responsabilidade social empresarial e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) entre a mocidade galega.
A partir de hoxe, 12 de novembro, e durante as dúas próximas semanas, desenvolveranse sesións de formación práctica que teñen como obxectivo axudar aos mozos e mozas galegos a entender como o feito de ser máis responsables pode axudarlles a construír unha comunidade máis sustentable e respectuosa. Estas terán lugar en oito centros das catro provincias galegas: IES María Sarmiento (Viveiro), IES Sanxillao (Lugo), IES plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), IES Macías o Namorado (Padrón), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), IES Politécnico de Vigo e o IES Universidade Laboral (Ourense).
Novidades da segunda edición
Os temas sobre os que se traballará na aula xirarán arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Os ODS están impulsados polas Nacións Unidas e forman parte dunha axenda global que pretende acadar un mundo máis sustentable no ano 2030. Búscase a participación dos gobernos, a sociedade civil e o sector privado para a consecución da mesma. Por iso, a Xunta de Galicia pon o foco nestes obxectivos, para apoiar e integrar ás novas xeracións nesta alianza mundial.
De forma transversal, profundarase en todos os talleres en catro dos dezasete ODS: ODS 5 igualdade de xénero, ODS 8 Traballo decente e crecemento económico, ODS 9 Industria, innovación e infraestrutura; e ODS 12 Produción e consumo responsables.
Nestas sesións, de aproximadamente 50 minutos de duración, proporase a reflexión sobre estes temas mediante actividades 100% prácticas, como preguntas, exemplos ou xogos de situación. En grupos de 4 ou 5 persoas, o alumnado tratará temas como innovación, xénero, emprego, inclusión social ou sustentabilidade. Deste xeito, tratarase nas aulas a RSE e os ODS dunha maneira práctica e amena.
Resultados 2017
Na primeira edición participaron un total de 200 alumnos e alumnas das catro provincias galegas de niveis educativos de 2º ciclo de E.S.O., bacharelato e ciclos formativos. A iniciativa acadou resultados positivos, tanto na implicación do alumnado como na acollida por parte dos centros.
Con este proxecto, a Xunta de Galicia conseguiu transmitir os valores da responsabilidade social en idades temperás, así como integrar a RS nos contidos formativos fomentando un pensamento máis aberto e innovador. Deste xeito, axuda ás persoas das xeracións máis novas a tomar unha maior conciencia do impacto que teñen na sociedade as decisións que toman no día a día.