Máis de 3.000 persoas xa recibiron formación gratuíta da Xunta de Galicia sobre igualdade

Máis de 3.000 persoas xa recibiron formación gratuíta da Xunta de Galicia sobre igualdade

Imprimir Email
(0 votos)

A firme aposta da Xunta de Galicia pola formación específica en igualdade laboral foi destacada esta mañá pola Directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, nun acto de sensibilización sobre igualdade laboral organizado en Santiago de Compostela por Comisións Obreiras. A Directora Xeral sinalou que máis de 3.000 personas participaron nos programas formativos gratuítos impulsados pola administración no que vai de ano.

Neste 2021, a Consellería de Emprego e Igualdade puxo o foco nas materias de igualdade de oportunidades e a non discriminación no eido laboral. “Isto é posible grazas á posta en funcionamento no mes de outubro do novidoso espazo de teleformación de igualdade laboral”, indicou Mancha, quen aseverou que con esta iniciativa se está a dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial para acadar a equidade efectiva no mundo do traballo entre homes e mulleres. Algunhas das iniciativas que acadaron maior éxito foron os curso sobre igualdade laboral e sobre prevención e tratamento do acoso sexual nos centros de traballo.

Perspectivas para 2022

O vindeiro ano, a Xunta de Galicia ten previsto programar, polo menos, 19 talleres temáticos. Un deles será un curso especializado en auditoría retributiva e valoración dos postos de traballo, que abordará aspectos como a prevención da violencia de xénero nos plans de igualdade, os protocolos de desconexión dixital de teletetraballo, ou a igualdade de trato no emprego público, entre outras cuestións.