O catálogo de formación amplíase para levar a perspectiva de xénero ás empresas

O catálogo de formación amplíase para levar a perspectiva de xénero ás empresas

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia mantén a súa firme aposta pola formación en materia de igualdade laboral e para refrendar este compromiso, a partir do mes de novembro, incorporaranse novos cursos ao catálogo formativo do campus virtual estreado recentemente. Así o manifestou a Directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, durante a súa participación na apertura do V Congreso de Empresarias de Galicia, na que lembrou que, grazas a este espazo virtual, o goberno galego se sitúa na cabeza da formación virtual en igualdade.

O campus, que xa conta con preto de 900 usuarios, creouse coa fin de favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, romper teitos de cristal e implantar a tolerancia cero ante o acoso sexual, entre outros aspectos. Ademais, Mancha anunciou que o obxectivo de ofertar novas actividades é “potenciar a aplicación da perspectiva de xénero e o fomento da igualdade na cultura da empresa, do persoal e doutras persoas ou entidades colaboradoras” e “garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dentro do ámbito empresarial e integrar a perspectiva de xénero de maneira transversal na xestión dos recursos humanos e na cultura e valores da empresa”.

Na súa intervención, a Directora Xeral resaltou o papel de Empresarias de Galicia, unha asociación que ten como fin a persecución da igualdade de oportunidades, a potenciación do emprendemento feminino e a iniciativa privada das mulleres así como o intercambio de experiencias e a colaboración entre as súas socias.