Reservados 200 millóns do 3º Plan de Rescate a autónomos e pequenas empresas

Reservados 200 millóns do 3º Plan de Rescate a autónomos e pequenas empresas

Imprimir Email
(0 votos)

As persoas traballadoras autónomas e pequenos empresarios supoñen o 97% do tecido produtivo de Galicia. Por iso, a Xunta de Galicia reserva para este colectivo 200 millóns de euros do terceiro Plan de Rescate, cantidade que supón arredor do 85% do orzamento total desta orde de axudas.

Así o manifestou Covadonga Toca, directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, nos encontros en liña que mantivo nos últimos días coas confederacións de empresarios das principais cidades galegas, destinados a explicar todos os pormenores da tramitación desta liña de apoios, coas que a administración da nosa comunidade espera acadar ás 66.000 firmas.

O goberno galego está a traballar coa máxima axilidade posible na tramitación das solicitudes destas subvencións, a pesares da carga burocrática para este procedemento pola normativa estatal. Como xa se anunciou anteriormente, Galicia estableceu unha fórmula para adiantar o 100% dos pagamentos coa presentación dunha declaración responsable por parte dos solicitantes no momento de cursar a petición. “Os que soliciten a axuda poderán ter o ingreso na súa conta nun prazo breve ao anticipar o 100% da contía desde a Xunta, unha vez que se presenta a declaración responsable e se comproba a parte fiscal”, subliñou a directora xeral.

Esta rolda de encontros completa a comezada por María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade, que mantivo reunións coa Mesa do Emprego Autónomo, os xestores administrativos e graduados sociais, o Clúster de Turismo e o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Nestas sesións, Lorenzana indicou que a principal razón deste tipo de encontros era “resolver as principais dúbidas do novo procedemento”. A titular de Emprego e Igualdade tamén aseverou que “ningún autónomo ou empresa que poida xustificar a débeda se quede sen subvención”, e insistiu en que os 234,4 millóns de fondos estatais que conforman o plan teñen que quedarse en Galicia.

Programas e solicitudes

O terceiro Plan de Rescate consta de tres programas diferentes en función da facturación e o número de traballadores. O prazo para de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 14 de xullo.

Podes consultar toda a información ao respecto desta liña de axudas aquí.