Iniciada coa Mesa do Emprego Autónomo a rolda de contactos do 3º Plan de Rescate

Iniciada coa Mesa do Emprego Autónomo a rolda de contactos do 3º Plan de Rescate

Imprimir Email
(0 votos)

María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade, vén de comezar a rolda de contactos cos principais axentes e interlocutores sociais de Galicia para abordar o terceiro Plan de Rescate da Xunta de Galicia.

Nesta primeira xuntanza, Lorenzana reuniuse coa Mesa do Emprego Autónomo, aos que explicou que xa se poden solicitar as axudas directas de entre 3.000 e 30.000 euros e que o prazo estará aberto ata o vindeiro 14 de xullo. Así mesmo, lembrou que o goberno galego simplificou na medida do posible o procedemento burocrático e ampliou estas subvencións a todos os sectores de actividade para apoiar o máximo posible ao tecido produtivo galego.

Deste xeito, mediante unha declaración responsable, as persoas solicitantes recibirán un adianto do 100% da axuda que lles corresponda, segundo os tres programas nos que se divide o orzamento deste terceiro plan, especificados na orde publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de xuño de 2021.

En total, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 560 millóns de euros para apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia mediante os tres plans de rescate e outras axudas de diferentes departamentos autonómicos.

Lembramos que para solicitar o 3º Plan de Rescate, todas as persoas interesadas deberán facelo de forma obrigatoria a través da sede electrónica.