A Xunta adiantará as axudas do 3º plan de rescate por medio dunha declaración responsable

A Xunta adiantará as axudas do 3º plan de rescate por medio dunha declaración responsable

Imprimir Email
(0 votos)

A Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou que para axilizar a inxección de liquidez ao empresariado galego, a Xunta de Galicia adiantará a persoas traballadoras autónomas e empresas o 100% das axudas do terceiro plan de rescate mediante a presentación dunha declaración responsable por parte dos solicitantes, tal e como se fixo nos dous plans anteriores realizados ata o momento cos fondos autonómicos.

“Estamos nun momento de extraordinaria dificultade e temos que seguir rescatando os sectores coa vista posta na saída da crise, tentando manter todos os negocios posibles para preservar o emprego”, estableceu Lorenzana nun recente encontro virtual cos integrantes do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo no que remataron de consensuar as bases destes apoios cos que o goberno galego porá en marcha os 234 millóns de euros comprometidos polo Estado para a nosa comunidade.

O 97% do tecido empresarial galego está conformado por persoas autónomas e microempresas, tal e como lembrou durante a sesión a titular de Emprego e Igualdade. Así mesmo, especificou que “imos tentar modular o importe das axudas para que chegue ao maior número posible e non queden prexudicados os negocios máis pequenos”. A conselleira tamén subliñou que se traballará “para axustar as axudas con máis cartos canta maior perda de facturación teñan rexistrado os negocios e canto maior sexa o número de persoas traballadoras contratadas”, especificando que “queremos reservar crédito para os autónomos, microempresas e negocios con ata 25 traballadores”.