Empresas e autónomos poderán solicitar as axudas do 3º Plan de Rescate a partir do 14 de xuño

Empresas e autónomos poderán solicitar as axudas do 3º Plan de Rescate a partir do 14 de xuño

Imprimir Email
(0 votos)

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases do 3º Plan de Rescate, que prevé axudas directas por valor de 234,4 millóns de euros para empresas e persoas traballadoras autónomas de Galicia. As solicitudes destes apoios poderán realizarse a partir do vindeiro luns, 14 de xuño e o prazo estará aberto ata o 14 de xullo.

Segundo anunciou a Xunta de Galicia anteriormente, as persoas solicitantes poderán recibir un adianto de ata o 100% da axuda que lles corresponda. Para iso, deberán presentar unha declaración responsable coa que acrediten nos tres meses seguintes que cumpren cos requisitos esixidos na orde publicada hoxe no DOG.

Estas axudas axústanse ao marco xurídico regulado polo Real Decreto-Lei 5/2021, aínda que o goberno galego aproveitou a marxe de manobra que se deixou ás comunidades autónomas para simplificar o procedemento e ampliar as axudas a todos os sectores de actividade. Deste xeito, poderán solicitalas persoas de todas as actividades económicas, sempre que acreditasen baixadas no seu negocio de polo menos o 40%.

Ademais, o 85% dos fondos deste terceiro plan estarán reservados a persoas traballadoras autónomas, microempresas e pequenas e medianas empresas, para apoiar a este colectivo que constitúe o 97% do tecido produtivo galego, tal e como indicou recentemente María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade.

Tres programas de axudas

O orzamento divídese en tres programas:

  • Primeiro programa: 150 millóns de euros de apoio ás persoas traballadoras autónomas e profesionais que tributen por módulos, que recibirían unha única axuda de 3.000 euros.
  • Segundo programa: 50 millóns de euros para persoas traballadoras autónomas individuais ou con ata 10 traballadores e empresas de ata 25 traballadores cun volume de facturación de ata 2 millóns de euros. A contía nese caso oscilaría entre os 6.000 e os 11.000 euros en función das escalas de facturación e o número de persoas traballadoras.
  • Terceiro programa: 34 millóns de euros para persoas autónomas e empresas con máis de 10 traballadores e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, así como empresas de máis de 25 traballadores. Os importes, neste caso, irían dende os 10.000 ata os 30.000 euros, tamén en función das perdas e o número de empregos.

 

Consulta aquí a corrección de erros publicada no Diario Oficial de Galicia do 14 de xuño de 2021.