O proxecto GEMCAT demostra en Ourense o seu labor por un mercado laboral máis responsable

O proxecto GEMCAT demostra en Ourense o seu labor por un mercado laboral máis responsable

Imprimir Email
(1 Votar)

Ourense acolleu onte a xornada de presentación de resultados do proxecto de Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo (GEMCAT), liderado pola Xunta de Galicia, no que un total de oito empresas foron galardoadas na terceira edición dos Premios Transfronteirizos de Conciliación e Igualdade.

Durante a inauguración da xornada, a Secretaria Xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, destacou a importancia de que a administración traballe de forma conxunta coas empresas para crear "un escenario favorable que permita a creación dun emprego de calidade". 

O acto acolleu a celebración do Foro Anual de Diálogo Social Transfronteirizo, no que se levou a cabo a presentación de resultados das mesas de diálogo no sector téxtil, nas que as administracións públicas e organizacións empresariais e sindicais de Galicia e o norte de Portugal analizaron a situación deste sector e os seus retos de futuro, para adaptarse á súa realidade dunha forma máis efectiva. Por outra parte, celebrouse unha mesa redonda na que, moderada por María Coutinho Villanueva, Subdirectora Xeral de Relacións Laborais, se intercambiaron propostas para consolidar a integración laboral na nosa comunidade autónoma e o norte de Portugal. 

O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi o encargado de clausurar este foro. Conde destacou a vontade da Xunta de Galicia de colaborar co norte de Portugal en todo o referente á modernización das relacións laborais, para así potenciar unha alianza co goberno luso que resulte estratéxica para desenvolver solucións de igualdade e sustentabilidade no ámbito transfronteirizo.

Entrega de premios

Nesta entrega de galardóns da terceira edición dos Premios GEMCAT, recoñeceuse o labor responsable de oito empresas que contan cunha notable traxectoria na aplicación de políticas de conciliación ou igualdade. Con estes galardóns, a Xunta de Galicia busca visibilizar aquelas empresas que desenvolven actividades responsables e traballan de forma activa por unha sociedade mellor.

En concreto, foron premiadas:

Mellor iniciativa de conciliación laboral e familiar:

  • Norte de Portugal: Blisq Creative, LDA
  • Comunidade autónoma de Galicia: PS Vet Dairyquality, S.L.
  • Comunidade autónoma de Estremadura: Grupo Data Cumplimiento Normativo, S.L.
  • Comunidade autónoma de Castela e León: Grupo Itevelesa, S.L.

Mellor iniciativa en igualdade de oportunidades:

  • Norte de Portugal: Inno-Serviços Especializdos em Veterinária, LDA
  • Comunidade autónoma de Galicia: Dielectro Industrial, S.A.U.
  • Comunidade autónoma de Estremadura: Gran Hotel Don Manuel, S.L.
  • Comunidade autónoma de Castela e León: Comercial Hispanofil, S.A.U.

Presentación de resultados

Por último, realizouse a presentación de resultados do proxecto GEMCAT, a través das experiencias da Xunta de Galicia, a Junta de Castela e León, a Junta de Estremadura, a Universidade do Porto, CIM Alto Minho e CM Braga. Deste xeito, a xornada rematou demostrando que se está a traballar pola construción dun marco internacional que proporcione resultados tanxibles no mercado laboral entre España e Portugal.