Academia A Mariña ten unha longa traxectoria na responsabilidade social empresarial. Desde hai anos contan con dúas certificacións (ISO 9001 e ISO 14001) e, para reafirmar o seu compromiso responsable, participaron na primeira edición do programa Responsabilízate. Hoxe falamos con Becky Hermida, subdirectora e responsable de Calidade, Medio Ambiente e RSE.
Como se define desde Academia A Mariña a responsabilidade social empresarial?
Como un plan estratéxico para integrar as preocupacións sociais, medioambientais e éticas, o respecto aos dereitos humanos e as inquedanzas dos consumidores. Vémolo como un elemento de competitividade empresarial.
Por que decidiron participar en Responsabilízate?
No noso centro de formación sempre apostamos pola calidade e polo medio ambiente. De aí os nosos selos en ISO 9001 e ISO 14001 que nos avalan. Queriamos ampliar a RSE.
Que destacarían da súa experiencia na primeira edición?
Comprobamos que estabamos levando a cabo moitas accións en materia de RSE, pero tamén detectamos a ausencia dun protocolo formal e por escrito onde se recolla a maneira de actuar con respecto a todas as accións que imos poñendo en funcionamento.
Que cambiou na empresa tralo paso polo programa?
A nivel interno, todos os traballadores, así como a dirección, valoramos e respectamos todas as cuestións que se propoñen nesta iniciativa. Ademais, xa era algo implícito ao posto de traballo en materia de calidade e medio ambiente, pero agora, tralo paso polo programa, todos son coñecedores de todas as accións que se levan a cabo en materia de RSE.
O seu compromiso coa RSE inclúe as certificacións ISO 9001 e ISO 14001. Que supón para empresa contar coas mesmas?
Son dez anos os que transcorreron desde que Academia A Mariña centro de formación conseguiu as certificacións, apostando sempre pola calidade na formación e demostrando tamén sensibilidade polo medio ambiente.
Por último, foron unha das empresas participantes na mesa redonda do I Encontro das empresas Responsabilízate. Destacarían algo desta xornada? Gustaríalles que se celebrasen encontros futuros?
Foi unha xornada interesante, onde practicamente todos os asistentes e os que participamos na mesa redonda detectamos que había moitas accións en materia de RSE que estabamos desenvolvendo, pero que non estabamos aplicando un protocolo. Creo que é importante celebrar encontros entre as empresas, tamén para achegar á administracións ás mesmas e detectar as necesidades destas.
- Empresa: Academia A Mariña
- Provincia: Lugo
- Sector: Formación
- Número de traballadores: 32
- Obxectivo con Responsabilízate: Academia A Mariña está comprometida coa RSE e traballa para acadar a excelencia, a través da mellora continua na xestión, tendo en conta as preocupacións dos seus grupos de interese.
- Valoración do programa: Moi positiva. É necesario, sobre todo á hora de coñecer mellor á empresa e as actuacións que se levan a cabo e as que se poden levar en RSE.