Coa fin de eliminar estereotipos de xénero e dar visibilidade ás mulleres que traballan no sector STEM para así animar ás rapazas das futuras xeracións a dedicar a súa carreira profesional a este ámbito, a empresa Tecalis leva anos desenvolvendo un programa de fomento das vocacións tecnolóxicas nos colexios.
Desenvolvemento da idea
A iniciativa naceu dos colexios de Ames, municipio onde están situadas as súas oficinas, onde estudan os fillos e fillas do seu persoal, que presentaron a posibilidade de facer unha visita ás súas instalacións para familiarizar aos rapaces coa programación e as capacidades tecnolóxicas. Así, desenvolveron programas de acollida de nenas e nenos, con visitas programadas xunto co profesorado, que inclúe unha clase maxistral e práctica sobre programación e codificación.
Co tempo, ampliaron as franxas de idade e os lugares onde desenvolver esta actividade, posto que comezaron a colaborar con diferentes organismos, como Amtega, ou asociacións que promoven e inclusión das nenas no mundo STEM e poñen todo o seu esforzo en pechar esta fenda de xénero.
Adaptación en tempos de pandemia
Coa chegada da pandemia da COVID-19, esta acción reforzouse mediante a creación do “Universo Virtual Tecalis”, no que trasladan todo o seu traballo, así como a súa cultura empresarial e accións off-line. Ademais, ampliaron as charlas fora da súa área de acción habitual, impartindo, por exemplo, unha charla nun colexio de Triacastela (Lugo) con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro.