En abril de 2011 os estados membros da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) aprobaron a creación do Día Internacional das Nenas nas TIC, unha data para promover a igualdade de xénero e o apoderamento das nenas e mulleres a mediante as novas tecnoloxías. Dende entón cada ano, o cuarto xoves de abril, celébrase este día para rematar cun problema que nos afecta a nivel mundial: a baixa proporción de mulleres matriculadas en estudos superiores relacionados coas ciencias, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas, que se traduce nunha desigualdade de xénero no cadro de persoal de empresas do sector STEM.
Décimo aniversario, datos para reflexionar
Este 2021 celebramos o décimo aniversario da proclamación desta celebración por parte do organismo especializado en telecomunicacións da ONU. Pero, canto temos avanzado nestes dez anos? Cales son as cifras actuais?
Aínda que cada vez vemos máis iniciativas en todo o mundo para impulsar as vocacións científicas nas rapazas, como STEAM Alliance da Comisión Europea, e que o informe Científicas en cifras 2021, publicado polo Ministerio de Ciencia e Innovación destaca que España se mantén por riba da media da Unión Europea no número de mulleres investigadoras, este mesmo documento subliña que os resultados do último informe PISA indican que este tipo de vocacións seguen sendo masculinas, cun 10% de nenos que esperan dedicarse no futuro ás tecnoloxías da información, fronte a só un 1% das nenas enquisadas.
Os datos de Descifrar o código: A educación das nenas e as mulleres en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM), documento publicado pola UNESCO, reforza esta información: a fenda de xénero no sector técnico comeza a facerse patente xa na educación secundaria e vai medrando a medida que o nivel educativo aumenta.
Unha das principais razóns que se apuntan nos documentos citados para os tímidos resultados de interese e presenza das mulleres no sector tecnolóxico son os estereotipos de xénero inculcados dende a infancia, nos que as disciplinas STEM se asocian con características masculinas, desalentando a rapazas e mulleres a seguir a súa traxectoria profesional neste ámbito. Por iso, son tan importantes organismos como a Unidade de Muller e Ciencia da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que traballan para promover a paridade de sexos neste ámbito e a presenza de mulleres na investigación. Entre os seus obxectivos, tamén se atopan o deseño e a promoción de políticas que corrixan os desequilibrios que estamos a vivir e rachar cos estereotipos, dando así a imaxe de que as capacidades STEM non son unha cuestión de sexo, senón de interese de cada persoa.
A tecnoloxía precisa o talento das mulleres
O contexto da pandemia da COVID-19 acelerou enormemente o desenvolvemento de moitas tecnoloxías que permitisen, na medida do posible, a continuidade de moitas actividades, tanto empresariais como educativas. Así que non podemos negar que o ámbito STEM é un dos motores da sociedade actual. Datos do Informe EPyCE 2020, sobre posicións e competencias máis demandadas, situaron no primeiro lugar os postos de traballo relacionados coa tecnoloxía, cun 32,14%.
Partindo da base de que o ámbito STEM é un dos que presenta xa dende hai tempo unha das maiores fendas de xénero a nivel mundial, que podemos facer para converter a ciencia e a tecnoloxía nun sector máis igualitario?
Ademais de aspectos básicos, como a educación das nenas e nenos en valores igualitarios por parte das familias e os centros educativos, as empresas tamén poden poñer da súa parte para o fomento do interese científico e o avance por unha igualdade real. En Galicia, temos o exemplo de Tecalis, unha peme que desenvolve solucións de software para mellorar a experiencia de usuario e a automatización de procesos dixitais, que conta cunha iniciativa de promoción das carreiras STEM, que xurdiu dos colexios onde estudaban as fillas e fillos do seu persoal, que presentaron a posibilidade de realizar unha excursión ás súas instalacións para que os máis pequenos se familiarizasen coa tecnoloxía e o código informático de programación.
A partir de aquí, crearon programas de acollida de nenos e nenas con visitas programadas cos seus docentes, nas que asignaban unha figura relevante na compañía para acompañalos e darlles unha clase maxistral e práctica sobre codificación. En palabras de Berta Caro, directora de RSE e directora de Marketing e Comunicación, “a acollida foi extraordinaria tanto por parte do persoal como polos colexios e os rapaces, xa que os nosos empregados están acostumados ás visitas dos minitecalienses que acoden cos seus proxenitores, polo que a interacción multixeracional é moi frecuente e resulta moi enriquecedora para todos”.
Co tempo comezaron a colaborar con asociacións e institucións que promoven a inclusión das nenas nas STEM e traballan para pechar as fisuras de xénero do sector. “Colaboramos sempre con eles para dar charlas inspiradoras e visibilidade por parte das mulleres que traballamos en Tecalis”, apunta Caro. Os tempos de pandemia non foron un impedimento para esta peme: Crearon un “Universo Virtual Tecalis”, ao que trasladaron tanto o seu traballo como a súa cultura empresarial, polo que as interaccións cos colexios permitiulles chegar máis alá das fronteiras de Ames, que é onde se atopan as súas oficinas. “Eu mesma din unha charla virtual moi inspiradora nun colexio de Triacastela hai un par de meses polo Día da Muller e a Nena na Ciencia”, indica Berta, convencida de traballar nunha empresa que aposta pola non discriminación dende os seus inicios.
Perspectivas de futuro
É innegable, estamos nun momento de revolución tecnolóxica que esixe unha continua especialización e reinvención para non quedar atrás no mercado de traballo. Ademais, de que moitos dos postos de traballo que serán demandados dentro de cinco ou dez anos aínda non existen. Neste sentido, o Foro Económico Mundial indicou recentemente que o camiño da tecnoloxía é imparable, de forma que os profesionais relacionados coa análise de datos, a intelixencia artificial ou o big data por exemplo, serán cada vez máis demandados.
Sendo a tecnoloxía un dos nosos retos de futuro, non podemos deixar atrás ás mulleres. Por iso, días como o que celebramos o vindeiro xoves 22 son tan importantes: só cun compromiso real poderemos avanzar xuntos cara un mercado laboral responsable, onde vaiamos deixando atrás conceptos como fenda salarial ou de xénero e que nos leven a unha Galicia igualitaria, unha Galicia de futuro.