Empresas e persoas autónomas poderán solicitar o 4º Plan de Rescate ata o 29 de novembro

Empresas e persoas autónomas poderán solicitar o 4º Plan de Rescate ata o 29 de novembro

Imprimir Email
(0 votos)

A convocatoria do 4º Plan de Rescate vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia para axudar a persoas traballadoras autónomas e empresas galegas afectadas na súa actividade pola crise sanitaria. Estes apoios poderán solicitarse desde mañá ata o vindeiro 29 de novembro a través da sede electrónica.

Este 4º Plan de Rescate deseñouse unha vez máis en colaboración co Diálogo Social e a Mesa do Emprego Autónomo, na busca de fórmulas que permitan sortear trabas burocráticas e axilizar os trámites, para así facilitar o acceso ao maior número de persoas posible. Este apoio conta con 134,4 millóns de euros, cantidade que quedou sen executar no anterior plan activado pola Xunta de Galicia e que representa o 42% dos fondos transferidos polo estado ao goberno galego no reparto por comunidades autónomas.

No primeiro e segundo plan, realizados pola administración galega con fondos autonómicos, xestionáronse un total de 80.000 solicitudes grazas á súa axilidade e fácil tramitación. Foro precisamente as ríxidas e restritivas condicións impostas no Real Decreto-Lei 5/2021 por parte do goberno central, as que propiciaron o fracaso do terceiro plan, especialmente pola obriga de destinar as mesmas ao aboamento de débedas.

Requisitos

Por iso, a orde que inclúe a cuarta convocatoria incorpora rectificacións como a ampliación do período para imputar as débedas ás que se poden destinar as axudas (dende o 1 de marzo de 2020 ata o 30 de setembro de 2021) e establece que os cartos se poden destinar a compensar gastos fixos non cubertos nos que se incorreu no citado período, non só a débedas.

Os demais requisitos son os mesmos que na anterior convocatoria. Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, que recibirán un máximo de 3.000 euros; así como o resto de persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas que teñan unha caída do volume de facturación de mais dun 30% no ano 2020 respecto do 2019. Neste último caso as axudas oscilarán entre un mínimo de 4.000 euros e un máximo de 200.000 euros.