Apostamos polos modelos produtivos sen discriminación a través da formación en igualdade

Apostamos polos modelos produtivos sen discriminación a través da formación en igualdade

Imprimir Email
(0 votos)

A importancia de formar ás empresas e a persoas traballadoras en igualdade laboral para que coñezan as vantaxes dos modelos produtivos que non contan con discriminación por xénero foi posta en valor esta mañá por Elena Mancha, Directora Xeral de Relacións Laborais, durante a xornada “A igualdade, un activo para a empresa” organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Mancha indicou que o primeiro paso é interiorizar e reflexionar sobre o concepto de discriminación, así como as súas causas e consecuencias, para poder acadar finalmente a tan desexada igualdade.

Durante a súa intervención, a Directora Xeral sinalou que a igualdade no traballo non só aumenta a competitividade das organizacións e axuda a reter o talento, ademais de mellorar o clima laboral e reducir o absentismo. “É unha cuestión de xustiza social, pero tamén de responsabilidade que ten incidencia na mellora da situación demográfica e violencia de xénero dun país, ao tempo que incrementa a eficacia das organizacións, fortalece a reputación empresarial e mellora a imaxe externa”, indicou.

Elena Mancha tamén fixo referencia ás diferentes medidas que a Xunta de Galicia promove entre as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas para mellorar a súa RSE e a súa igualdade, que responden á súa obriga, xunto cos axentes sociais, de ser o motor de cambio e de progreso mediante a ruptura de teitos de cristal para que deixen de persistir as fendas de xénero e estereotipos referidos ao tempo que lle dedican mulleres e homes aos coidados non remunerados.

Formación virtual en igualdade

O campus en liña, posto en marcha esta semana por parte da Xunta de Galicia con grande éxito, acollerá nas próximas semanas dous novos cursos: un de 35 horas de duración dirixido ás persoas negociadoras dos planes de igualdade e unha serie de talleres teórico-prácticos dirixidos a persoas que participan en proxectos que se enmarcan no eido das relacións laborais no referido á aplicación do principio de igualdade.