Na clausura do III Foro da Muller, organizado pola Asociación de Empresarias de Galicia en Sanxenxo (Pontevedra), a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, recalcou que dous dos factores clave das políticas de emprego e igualdade impulsadas pola Xunta de Galicia son situar ás mulleres en plena igualdade cos homes e conseguir un emprego digno e estable para a independencia económica.
Nesta xuntanza, a directora xeral lembrou a importancia da igualdade de oportunidades, que supón unha mellora na competitividade nas empresas. Respecto á conciliación, reforzou todas as vantaxes que trae para as compañías, como a retención do talento ou a garantía do benestar laboral. Así mesmo, valorou o impulso que o goberno galego está a realizar dende o pasado mes de febreiro, con diversas formacións en materia de conciliación.
Próximo webinar sobre conciliación
Para todas aquelas persoas interesadas en aprender máis sobre este tema, o vindeiro mércores 23 de xuño, celebrarase a sesión en liña A Corresponsabilidade e a conciliación na realidade da empresa, co obxectivo de reforzar a RSE nas compañías galegas.
O webinar contará coa participación de representantes da Dirección Xeral de Relacións Laborais, así como empresas galegas pioneiras na implantación de medidas de conciliación.
O prazo para inscribirse aínda está aberto. Para facelo deberás cubrir o formulario que atoparás aquí.