O 3º Plan de Rescate publicarase o vindeiro venres 11 de xuño no Diario Oficial de Galicia

O 3º Plan de Rescate publicarase o vindeiro venres 11 de xuño no Diario Oficial de Galicia

Imprimir Email
(0 votos)

A Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de avanzar que o vindeiro venres, 11 de xuño de 2021, o Diario Oficial de Galicia anunciará as bases da convocatoria do terceiro plan de rescate co que o goberno galego porá a disposición de empresas e persoas traballadoras autónomas 234,4 millóns de euros de fondos transferidos polo Estado.

A Xunta de Galicia empregará a capacidade de manobra que lle permite o Real Decreto-Lei co que o estado regula estas subvencións para estendelas a todos os sectores de actividade, en lugar de limitalas ás 95 das 629 existentes. Así mesmo, a titular de Emprego e Igualdade, lamentou que só poidan ser beneficiarias dos apoios directos as persoas traballadoras autónomas e empresas con débedas pendentes de pago e que, ao seu xuízo, penaliza a quen fixo verdadeiros esforzos para saír adiante.

Neste sentido, a administración galega, chegará a todos os sectores que acrediten polo menos un 40% de caída do volume de operación, dato que amosa a súa afectación real pola pandemia. Segundo manifestou Lorenzana, “reservamos un 85% dos fondos a autónomos e microempresas, para apoiar a continuidade da actividade empresarial na nosa comunidade respecto deste colectivo, que constitúe o 97% do noso tecido productivo”.

Tal e como se anunciou anteriormente, tratarase de axilizar a tramitación dos pagos deste terceiro plan o máximo posible, minimizando a burocracia, e mediante o adianto do 100% dos importes que correspondan mediante a presentación dunha declaración responsable.