"Adaptar horarios facilita a conciliación e non supón un esforzo económico"

"Adaptar horarios facilita a conciliación e non supón un esforzo económico"

Imprimir Email
(0 votos)

Ata o vindeiro 10 de xuño estará aberto o prazo para a solicitude do programa de axudas de 2021, dirixido a pemes e persoas traballadoras autónomas de Galicia. En concreto, a Liña II desta partida de subvencións está relacionada coa conciliación da vida persoal e laboral e consta de tres subliñas: Incentivos para o fomento do teletraballo, incentivos para o fomento da flexibilidade horaria e subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

A Estratexia Galega de RSE inclúe dentro do seu reto “Empresas con valores” o impulso do emprego conciliador e o apoio a empresas para adopción de boas prácticas na conciliación e a corresponsabilidade. Por iso, hoxe falamos con Juan Carlos Rama Bermúdez, director de RRHH e coordinador de RSE de Congalsa, unha das compañías galegas que destacan polas súas medidas de conciliación. En concreto, esta empresa foi unha das galardoadas na última edición dos Premios RSE Galicia cunha mención á conciliación, debido á especial atención que prestan a esta materia e as súas prácticas innovadoras.

En Congalsa a conciliación entre a vida familiar e laboral das persoas preséntase como un punto irrenunciable. De onde nace este afán pola conciliación?

Certamente, no ano 2006 demos un xiro importante na política de recursos humanos, apostamos por unha contratación máis estable con todo o que iso comporta. Dispor dun cadro de persoal con estabilidade trae consigo que teñas o persoal máis formado, que haxa un sentido de pertenza moito maior e, sobre todo que a preocupación polo benestar sexa un punto primordial onde tamén se incardina a conciliación.

Flexibilidade horaria, facilidade de acceso a xornadas reducidas…. Que tipo de beneficios considerades que trae para a empresa a aposta por este tipo de medidas? As vantaxes están relacionadas co benestar do persoal ou repercuten tamén na produtividade e rendibilidade? Quizais podemos dicir que hai un equilibrio entre ambos aspectos grazas á conciliación?

Os beneficios dunha axeitada política de recursos humanos son mutuos para os traballadores e para a empresa. Na nosa opinión, o beneficio que supón ter un ambiente de traballo que se perciba como idóneo por todos repercute moi positivamente na produtividade e nos resultados da empresa. A preocupación polo benestar das traballadoras e traballadores de Congalsa, no que levamos tanto tempo traballando, abrangue moitos aspectos da vida, na que non podemos facer unha separación radical entre a vida laboral e a vida persoal e familiar. Ese punto onde ambas as dúas se tocan é onde entran as propostas de conciliación.

As melloras realizadas nos horarios de traballo repercutiron moi positivamente nesta proposta, o persoal ligado a tarefas produtivas de fábrica en quendas rotatorias, elixidas por eles mesmos en votación ao efecto: os resultados desa votación indicáronnos que a preferencia era quenda nocturna fixa e diúrna rotativa mañá e tarde. Así mesmo, tamén se racionalizou o horario de persoal “de oficinas”, adoptando unha fórmula máis europea de 08:30 a 17:00 horas, con media hora para comer e a xornada intensiva en venres e vésperas de festivo.

Tamén de forma temporal, con motivo da pandemia, fixéronse adaptacións e reducións horarias buscando que as contornas de traballo fosen seguras e non se produciran reunións onde coincidiran moitas persoas, como por exemplo nas horas de comida.

Unha das vosas medidas é a bolsa de horas, onde se poden intercambiar horas extras por tempo de traballo. Como nace esta iniciativa? Experimentou algún cambio desde a súa posta en marcha?

A bolsa de horas é hoxe por hoxe unha das medidas de mellor acollida por parte das traballadoras e traballadores. É unha medida que se propuxo por parte da empresa na negociación do convenio laboral, medida que inicialmente foi acollida con pouco entusiasmo polos representantes na negociación pero que, a longo prazo demostrouse como un instrumento que utiliza gran parte do cadro de persoal. Como digo, o principal cambio que experimentou esta opción é o enorme incremento no seu uso que se produciu nos últimos anos. A valoración por parte das persoas que a están utilizando é extraordinaria, ter a posibilidade de cambiar horas extras por horas libres (que xeralmente se arriman aos festivos ou fins de semana) é un factor máis de conciliación.

O voso programa de melloras sociais, ademais de ser unha das vosas medidas de conciliación máis innovadoras, foi unha das razóns polas que fostes galardoados na última edición dos Premios RSE Galicia. Con ela, dades acceso ao persoal aos servizos de terceiros para a axuda a domicilio. Poderiades contarnos un pouco máis en detalle como a desenvolvedes?

O noso programa de melloras sociais tampouco é nada novo na empresa, pero temos unha especial preocupación de que non se quede obsoleto, todos os anos facemos cambios e poñemos en marcha novos servicios. É un proceso bastante sinxelo no que solicitamos ao persoal que nos suxira aqueles servizos que poidan ser interesantes para eles, para posteriormente poñernos nós en contacto con empresas que proporcionen eses servizos e ver de que maneira podemos mellorar o custo que o seu uso ten para o noso persoal.

Habitualmente clasificámolos en servizos de tres tipos: sen custo para o traballador, onde o custo sufragado na súa totalidade por Congalsa, de balde para os traballadores, como sería o caso do médico de empresa, servizo de fisioterapeuta, psicólogo, etc; servizos con custo compartido, como é o caso da gardaría, onde nos facemos cargo do 60% do custo, e servizos con descontos no prezo conseguidos coa intermediación de Congalsa, como sería o caso de taller mecánico, dentista, axencia de viaxes, etc.

Xa antes da entrada en vigor da equiparación dos permisos por nacemento dun fillo en xaneiro de 2021, contabades cun permiso de paternidade ampliado, con 16 semanas. Realizastes algún cambio ou ampliación nas baixas de paternidade este ano?

Congalsa é unha empresa onde tradicionalmente o emprego está feminizado, aproximadamente o 60% do cadro de persoal son mulleres. Seguramente se nos tacharía de atípicos por promover o acceso de homes a postos que tradicionalmente eran ocupados por mulleres. A nosa biblia é a igualdade de oportunidades con independencia de sexo, idade, nacionalidade, etc.

A equiparación do permiso de paternidade e o permiso de maternidade é un fito no noso ordenamento xurídico que vemos dende Congalsa como un paso máis neses avances necesarios no ámbito da igualdade, e sobre todo nos aspectos de conciliación e as tarefas compartidas no espazo familiar. Estamos moi satisfeitos porque todos os nosos traballadores que foron pais, solicitasen e sigan solicitando e desfrutando o correspondente permiso de paternidade.

Por último, que consello dariades ás empresas que queren ser máis responsables e mellorar as súas medidas de conciliación? Que considerades que deberían ter en conta?

Como membros do Grupo Galego de Representación Empresarial en RSE, tivemos oportunidade de titorizar empresas que querían dar os seus primeiros pasos en materia de Responsabilidade Social. O noso consello inicial sempre será o mesmo: temos un Grupo de Interese primordial que son o noso persoal, aí teñen que ir destinados os nosos primeiros esforzos, ao benestar dos traballadores a través de medidas de conciliación, como pode ser a racionalización de horarios ou as melloras sociais. Son a base do futuro da empresa en todos os aspectos, particularmente no social e produtivo.

Un factor que acostuma a ser inmobilizante nalgunhas empresas é o temor a que calquera medida vai supoñer un custo económico elevado para empresa; cada empresa ten que analizar se dentro das súas posibilidades pode sufragar melloras sociais para a conciliación. Os nosos primeiros pasos foron con melloras sociais consistentes en convenios e acordos con distintas empresas da nosa contorna, que polo simple feito de achegarlles un colectivo importante de posibles usuarios ou consumidores, estaban dispostos a concertar prezos con importantes descontos. Os cambios para adaptar horarios facilitan a conciliación e non supón, xeralmente, un esforzo económico para empresa.