A Consellería de Emprego e Igualdade fomenta a responsabilidade social como unha ferramenta de competitividade, produtividade e xeración de emprego de calidade. Por iso, en liña co seu reto de contar con “empresas con valores”, incluído na Estratexia Galega de RSE, acaba de publicar a convocatoria para o ano 2021 do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE). Este ano, o orzamento total ascende a 2.613.000 euros, un 30,65% máis que na convocatoria anterior.
A través desta orde de subvencións, a Xunta de Galicia amosa unha vez máis o seu compromiso polas persoas que compoñen o tecido empresarial da nosa comunidade, promovendo a conciliación da vida persoal e profesional, as medidas de flexibilización temporal, a corresponsabilidade e a igualdade de xénero no ámbito laboral.
Se es unha persoa traballadora autónoma ou unha peme que cumpra os requisitos do Artigo 5 das bases reguladoras, poderás solicitar calquera destas axudas ata o 10 de xuño.
Tres liñas de axudas
Esta convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:
- Liña I: Elaboración e implantación de plans de igualdade
- Liña II: Conciliación. Esta liña á súa vez, comprende tres subliñas:
- Incentivos para o fomento do teletraballo
- Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria
- Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo
- Liña III: Certificacións de RSE
Solicitudes
As presentacións das solicitudes desta orde de axudas deberán facerse de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. No caso de solicitar más de unha liña de axudas, cada unha delas deberá formalizarse por separado e, de ser o caso, por cada unha das subliñas.
Así mesmo, non será necesario achegar a documentación que xa fora presentada anteriormente ante calquera Administración, aínda que a documentación complementaria deberá entregarse obrigatoriamente por medios electrónicos.
Para máis información, podes consultar o texto completo da convocatoria no Diario Oficial de Galicia de hoxe, 10 de maio de 2021.