Rexistro salarial obrigatorio: un paso máis para rematar coa desigualdade salarial de xénero

Rexistro salarial obrigatorio: un paso máis para rematar coa desigualdade salarial de xénero

Imprimir Email
(0 votos)

A partir de hoxe, 14 de abril de 2021, todas as empresas con persoas asalariadas en España deberán contar de forma obrigatoria cun rexistro dos salarios. Esta medida entra en vigor segundo o establecido no Real Decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, cun ambicioso obxectivo por diante: facer efectivo o dereito da igualdade de trato e a non discriminación entre mulleres e homes en materia retributiva. Noutras palabras: rematar coa fenda salarial de xénero.

Aplicando o principio de transparencia retributiva, as empresas deben xa incluír neste rexistro os valores medios dos salarios, os complementos salariais e percepcións extrasalariais do cadro de persoal. Estes datos estarán desagregados por sexo e distribuídos por grupos profesionais, categorías profesionais ou postos de traballo segundo a xornada ou hora traballada, segundo establece o citado Real Decreto.

Naquelas empresas de máis de 50 traballadores nas que o promedio dos salarios dun sexo sexa superior nun 25% ou máis que o do outro, deberase xustificar que o motivo son causas obxectivas e non unha discriminación de xénero. Medidas coma esta engádense a ferramentas xa existentes como as auditorías salariais (obrigatorias neste momento en empresas de máis de 100 persoas traballadoras) ou os plans de igualdade, sendo estes últimos documentos que proporcionan grandes vantaxes para as compañías, como maiores oportunidades para a retención do talento ou diminución da rotación das traballadoras, ao existir maiores posibilidades de promoción e mellora salarial.

Situación actual

Definida de xeito breve, a fenda salarial é unha situación de desigualdade provocada pola diferenza entre a media dos ingresos anuais das mulleres e os homes. No informe da Comisión Europea Como combater a fenda salarial entre homes e mulleres na Unión Europea establécese que o principal impacto que esta fisura ten nas mulleres é unha menor obtención de ingresos ao longo da súa vida, sendo tamén a maioría de traballadoras a tempo parcial, o que deriva en pensións máis baixas e un maior risco de pobreza na terceira idade.

A nivel mundial, os homes continúan gañando un 20% máis que as mulleres polo desempeño do mesmo tipo de traballo, segundo apuntou recentemente a Organización Mundial do Traballo (OIT). O último informe anual do Foro Económico Mundial sitúa a España no posto 102 na súa lista de países analizados cando se trata de equidade na remuneración, cun 21,9%, posto que a pandemia da COVID-19 provocou un retroceso dunha xeración.

No caso de Galicia, segundo o informe de fenda salarial 2020 publicado pola UXT, a diferenza actual é do 22,6%, o que quere dicir que, de media, as mulleres cobran 5.488 euros menos que os homes, ou o que é o mesmo: traballan “de balde” dende o 5 de novembro, sendo esta desigualdade máis acusada entre na franxa de entre 45 e 54 anos de idade.

O reto da non discriminación retributiva no futuro

Para reverter estes datos, tanto empresas como institucións debemos compartir unha meta clara: manter vivas as cuestións relativas á igualdade laboral para valorar o traballo de mulleres e homes de forma equitativa, tendo en conta as súas capacidades, que poder aportar aos proxectos e o seu talento, independentemente do seu sexo.

Cada vez máis, as mulleres teñen unhas expectativas máis altas sobre as súas posibilidades profesionais, polo que só aquelas compañías que se adapten á nova realidade poderán beneficiarse do talento feminino. Para iso, é preciso crear postos de traballo de calidade, competitivos e remunerados de forma xusta, que ademais de permitir o acceso á totalidade do talento galego, permitirán a creación de contornas de traballo rendibles e eficaces, que ofrecen unha imaxe positiva aos clientes ao mesmo tempo que proporcionan un ambiente de traballo positivo e agradable.

Dende a Xunta de Galicia existe un firme compromiso con esta cuestión, con iniciativas como a actual formación de máis de 700 profesionais en igualdade laboral, na que se inclúe un módulo sobre a fenda salarial, ou o sitio web lanzado recentemente no que a Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Consellería de Emprego e Igualdade ten por finalidade facilitar ás empresas a elaboración de plans de igualdade e outras medidas de promoción da igualdade: aigualdadelaboral.gal.