Fenda salarial de xénero: que é e como inflúe nas mulleres traballadoras

Fenda salarial de xénero: que é e como inflúe nas mulleres traballadoras

Imprimir Email
(0 votos)

A fenda de xénero expón as desigualdades existentes entre homes e mulleres en termos de acceso a oportunidades, poder, influencia e remuneración, entre outros aspectos. Este concepto fai referencia a moitos ámbitos, como o económico, o social, o cultural ou o laboral. 

Tendo como obxectivo a igualdade entre as persoas traballadoras, un aspecto importante a destacar dentro do ámbito laboral é a fenda salarial de xénero, a cal é definida pola Comisión Europea como a “diferenza entre os ingresos anuais medios das mulleres e dos homes”. 

Cales son as desvantaxes ás que se enfrontan as mulleres?

Á hora de establecer a súa definición, a Comisión Europea ten en conta tres factores: un menor salario por hora, unha menor cantidade de horas de traballo remunerado e unha inferior taxa de emprego.

Estes indícannos situacións actuais ás que se enfrontan as mulleres en materia laboral, como o feito de cobrar unha cantidade inferior cando ocupan o mesmo posto e realizan as mesmas funcións que outros compañeiros do sexo masculino. 

Tamén é destacable a referencia á cantidade de mulleres que se ven obrigadas a reducir o número de horas da súa xornada, e incluso a renunciar ao seu posto de traballo, cando existe a necesidade de, por exemplo, coidar dos fillos ou outros familiares en situación de dependencia. Por tanto, en xeral, as mulleres pasan máis tempo fóra do mercado laboral, o que afecta tamén aos seus futuros ingresos e pensións. 

Outra razón pola que existe unha descompensación nos salarios é a proporción de presenza de ambos sexos nos cargos directivos. A grande maioría destes postos están ocupados por homes, que adoitan acceder máis facilmente a ascensos, o que implica un aumento na súa remuneración. 

Situación actual e perspectivas de futuro

Atendendo á información proporcionada pola Organización das Nacións Unidas, os homes gañan un 12,5% máis que as mulleres en 40 dos 45 países dos que se teñen datos. Ademais, a fenda salarial de xénero sitúase no 23% a nivel mundial. 

En Europa, o último informe da Comisión Europea, con datos de Eurostat, esta desigualdade está no 16,2%. No caso de España, redúcese ata arredor do 15%.

Unha das principais claves para concienciarnos e rematar con esta situación é un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, en concreto, o número 8: Traballo decente e crecemento económico. Nas metas deste ODS, resáltase a necesidade de que os homes e as mulleres teñan as mesmas oportunidades no seu lugar de traballo, que posibiliten unhas mellores perspectivas de desenvolvemento persoal. 

Que fan as empresas galegas?

Desde RSE Xunta de Galicia queremos animar ás empresas galegas a reflexionar sobre esta cuestión, para que sexan conscientes de se existe ou non unha desigualdade salarial entre os seus empregados en función do sexo e poidan implantar medidas que rematen con esta situación. 

Se levas a cabo algunha iniciativa para garantir a igualdade salarial entre homes e mulleres na túa empresa, cóntaa no noso banco de ideas responsables