Terras da Mariña é unha cooperativa que naceu pola inquietude dun grupo de produtores da "Faba de Lourenzá" ante unha serie de peculiaridades na produción e a comercialización deste produto. Formada por socios e socias de toda a Mariña Lucense, cóntannos a súa experiencia na segunda edición de Responsabilízate a través desta entrevista con Alba Rodil, traballadora.
Que foi o que os animou a apuntarse nesta segunda edición?
Somos unha cooperativa e, como tal, baseámonos nos principios cooperativos como axuda mutua, responsabilidade, solidariedade ou igualdade. Sempre tivemos unha clara vocación pola sustentabilidade e a responsabilidade en calquera ámbito, tanto nas persoas traballadoras como nas persoas socias que a integran.
Queriamos dar un paso máis para dar a coñecer o que estamos a facer en materia de responsabilidade social e tamén controlar e estandarizar os procesos cos clientes, traballadores, provedores ou a contorna e obter así importantes beneficios, non so económicos, senón tamén de maior produtividade, lealdade cos clientes, credibilidade ou acceso a outros mercados. É dicir, queriamos medrar dunha forma sustentable.
Hai algún aspecto da RSE en especial que querían potenciar?
Participando no programa, queriamos integrar a responsabilidade social en todos os procesos. Destacamos a inversión social, porque debemos axudarnos entre nós para que todos xuntos poidamos medrar. E dentro de Responsabilízate, destacamos as entrevistas co persoal do programa.
Agora que xa levan dados varios pasos, como definen a responsabilidade social empresarial?
Actividades desenvolvidas para contribuír á mellora da comunidade e o aporte ao benestar da sociedade.
Esta definición é moi diferente á que farían de preguntarllo antes de comezar as actividades de Responsabilízate?
Si. Agora vémolo como un elemento de competitividade.
Como ven que desde a Xunta de Galicia se levan a cabo iniciativas coma esta, onde as empresas poden aprender e mellorar para chegar a ser máis responsables?
Xenial! Sen estas aportacións moitas empresas non seriamos capaces de coñecer o que realmente é a RSE e poder levala a cabo en moitos dos seus aspectos.
Recomendarían a participación no programa a outras empresas? Por que?
Si, por suposto. Para que moitas outras empresas poidan contribuír dunha maneira ou outra, á sociedade e á contorna, proporcionando benestar e un futuro mellor.
- Empresa: Terras da Mariña S. Coop. Galega
- Provincia: Lugo
- Sector: Agroalimentario
- Número de traballadores: 16 socios produtivos, 4 socios colaboradores e 1 traballadora
- Obxectivo con Responsabilízate: Dar a coñecer o que estamos facendo en materia de Responsabilidade e estandarizar os procesos, para acadar beneficios, non so económicos.
- Valoración do programa: Moi positiva