Oito empresas transfronteirizas recoñecidas na segunda edición dos Premios GEMCAT

Oito empresas transfronteirizas recoñecidas na segunda edición dos Premios GEMCAT

Imprimir Email
(0 votos)

Os Premios Transfronteirizos de Conciliación e Igualdade do Proxecto GEMCAT veñen de entregar os galardóns da súa segunda edición. Nun acto celebrado no salón de actos da Consellería de Emprego e Industria da Junta de Castilla y León, recoñeceuse o labor de oito empresas do espazo transfronteirizo: Galicia, Norte de Portugal, Castela e León e Estremadura. 

A entrega de premios tivo lugar dentro do marco do Foro de Diálogo Social Transfronteirizo no sector da automoción, no que se expuxeron as conclusións das mesas de diálogo social celebradas anteriormente, nas que participaron os axentes sectoriais do Norte de Portugal e Castela e León. 

A Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia estivo representada por María Coutinho, Subdirectora Xeral de Relacións Laborais, que fixo entrega dos galardóns ás empresas galegas premiadas. Coutinho definiu como "moi positivo o intercambio de experiencias e resultados desta xornada e destacou que "con diálogo construtivo poderemos asegurar empresas globalmente competitivas e xeradoras de emprego de calidade, empresas que poñan en valor o talento dos traballadores e traballadoras do noso territorio".

Empresas galardoadas

Recoñecemento en materia de conciliación laboral e persoal:

  • Mellor iniciativa na rexión Norte de Portugal: Balanças Marques de José Pimenta Marques Lda (Braga)
  • Mellor iniciativa na comunidade autónoma de Galicia: Applus+ (A Coruña)
  • Mellor iniciativa na comunidade autónoma de Estremadura:  Gran Hotel Don Manuel, SL (Cáceres)
  • Mellor iniciativa na comunidade autónoma de Castela e León: Grupo Aspasia Ibecon 2003 S.L. (Valladolid)

Recoñecemento en materia de igualdade de oportunidades:

  • Mellor iniciativa na rexión Norte de Portugal: NQDA- Negro Esquisso Agência Web LDA (Viana do Castelo)
  • Mellor iniciativa na comunidade autónoma de Galicia: Galáurea Ayuda a Domicilio (Pontevedra)
  • Mellor iniciativa na comunidade autónoma de Estremadura: C.L. Ntra. Sra. del Prado (Cáceres)
  • Mellor iniciativa na comunidade autónoma de Castela e León: Queserias Entrepinares, SAU (Valladolid)

Terceira edición

Neste momento, o prazo para participar na terceira edición dos Premios GEMCAT continúa aberto. Se estás interesado en enviar unha candidatura para a túa empresa, poderás facelo ata o día 1 de decembro. Atoparás toda a información nesta ligazón