Que pode facer un hospital veterinario en materia de responsabilidade social empresarial? En que ámbitos se centrarían as súas actuacións? Cal é a razón para ser máis responsable? Falamos destas cuestións con Pilar Fidalgo Mourenza, xerente do Hospital Veterinario Ciudad de Lugo, unha das empresas que participaron na segunda edición do programa Responsabilízate.
Recentemente celebraron o seu segundo aniversario e tamén formaron parte da segunda edición do programa Responsabilízate. Podemos dicir que o Hospital Veterinario Ciudad de Lugo naceu cunha vocación responsable?
Si, o certo é que sempre estivemos moi concienciados co ben ecolóxico e social. Canto máis coidemos o que nos rodea, mellor será o mundo en xeral.
Non é o primeiro hospital veterinario que participa en Responsabilízate, pero si que debemos admitir que hai poucas empresas no programa con este perfil. Cren que as súas actuacións poden ser un referente para o sector?
A verdade é que non o sei. O que si é certo é que non o facemos para servir de exemplo, facémolo porque o consideramos importante.
Que lles aportou o programa? Que aprenderon?
Abriunos os ollos en moitos aspectos. Ademais de indicarnos pasos a seguir, tamén nos ensinou que os grandes cambios comezan por pequenas accións.
En que aspecto da RSE lles gustaría que destacase a súa empresa?
Como empresa vinculadas aos seres vivos, todo o que teña que ver coa ecoloxía e a reciclaxe é moi interesante para nós.
Finalmente, dentro das actividades do programa está a definición dun plan de acción responsable para o futuro. Cales son as liñas centrais do seu plan?
Estamos a facer as bases deste plan, pero como xa dixemos, centraremos as nosas accións principalmente os cambios internos que melloren a nosa responsabilidade social co medio. Temos tamén pensadas varias accións de educación e formación.
- Empresa: Hospital Veterinario Ciudad de Lugo
- Provincia: Lugo
- Sector: Veterinario
- Número de traballadores: 2 socios e 7 traballadores
- Obxectivo con Responsabilízate: Mellorar a nosa implicación, tanto social como medioambiental
- Valoración do programa: Moi boa