Hoxe falamos cunha adega que produce un viño que eles mesmos din que "non entende de présas": Vía Romana. O seu director xeral, Juan Luis Méndez Rojo, cóntanos como entenden a responsabilidade social empresarial e cales foron as súas razóns para participar no programa Responsabilízate.
A responsabilidade social é un aspecto importante para calquera empresa. Como se define en Vía Romana a RSE?
Definimos a responsabilidade social empresarial como un medio clave para dar á sociedade o que o esforzo e traballo das persoas lle dá á empresa.
Antes do seu paso polo programa, eran conscientes do valor da RSE para ser máis competitivos?
Levamos anos preocupados por estes temas e téndoos moi en conta no noso día a día.
Cales foron os motivos polos que se animaron a participar na primeira edición do programa?
Queriamos dar un paso máis e facer máis visible e organizado o que estabamos facendo, ademais de coñecer o que a maiores podiamos implementar.
Que querían potenciar na empresa?
O coñecemento do que estabamos a facer e tamén involucrar a todas as persoas que formamos parte da adega.
Como resultado do seu paso polo programa, cales son as liñas estratéxicas de Vía Romana en RSE? Hai algunha acción en concreto que lles gustaría destacar?
Vemos dúas liñas claras. Primeiro, as internas, escoitando e tendo en conta ao equipo humano que forma a adega, levando a cabo todas as melloras posibles. Por exemplo, a axuda económica durante os dous primeiros anos para os novos pais e nais. E segundo, e de cara á sociedade do contorno, con colaboracións tanto no ámbito deportivo, coma no solidario e no formativo.
Por último, cren que poden servir de exemplo para outras pemes do mesmo sector?
Oxalá. A nosa intención sobre todo é mellorar a vida do noso equipo humano e a da sociedade da nosa contorna, proporcionando futuro e benestar.
- Empresa: Adegas e Viñedos Vía Romana, S.L.
- Provincia: Lugo
- Sector: Vinícola
- Número de traballadores: 7
- Obxectivo con Responsabilízate: Fomentar a motivación, mellorando así a competitividade e a eficacia da empresa.
- Valoración do programa: Moi boa.