S4 Correduría de Seguros pon en marcha o seu propio plan de RSE tras participar en Responsabilízate

S4 Correduría de Seguros pon en marcha o seu propio plan de RSE tras participar en Responsabilízate

Imprimir Email
(0 votos)
  • Recadou máis de 10.500 euros nun concerto solidario que destinou á loita contra o cancro.
  • Con esta e outras accións, a empresa adoptou claros principios éticos e demostrou unha maior vinculación coa comunidade local.

O pasado 1 de febreiro, a empresa viguesa S4 Correduría de Seguros y Gerencia de Riesgos celebrou unha rolda de prensa sobre as metas conseguidas tras a celebración do “5º Concerto Solidario”, que tivo lugar en Vigo o 21 de decembro. Neste evento, que contou coa participación de Luar na Lubre, Ardentía, Orfeón Mariñeiro ou Moncho Borrajo; conseguiu recadar máis de 10.500 euros que foron destinados integramente para a loita contra o cancro. A maior parte da doazón do concerto donarase ao Grupo Requite para a investigación e outra pequena parte utilizarase para actividades dos nenos de oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Na mesa do acto atopábase un membro da Asociación de Vigo Contra o Cancro, entidade beneficiaria da doazón, e Sandra Fernández, titora de S4 durante a súa participación na primeira edición do programa Responsabilízate da Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria), iniciativa que ten por obxectivo impulsar o coñecemento e implantación da responsabilidade social empresarial (RSE) nas pemes galegas.

A titora destacou que “S4 é un exemplo de bo facer en aplicación de accións de responsabilidade social. Non só pola celebración deste concerto, senón por todas as súas accións de comunicación tanto a nivel interno como externo. É unha empresa exemplar”.

Vantaxes empresariais
“A RSE ben desenvolvida conleva beneficios financeiros, comerciais, laborais, ambientais e doutro tipo como vimos a través deste concerto solidario. É un elemento importante de competitividade. Coa súa participación nesta primeira edición de Responsabilízate, S4 comprometeuse a incorporar principios económicos, sociais e ambientais na súa estratexia de negocio, establecer unha estreita relación cos grupos de interese, destinar recursos humanos e técnicos e comunicar interna e externamente ese desenvolvemento”, engadía a responsable de Responsabilízate.

Nesta liña, durante os últimos meses a empresa viguesa realizou diferentes accións de RSE como fomento da cultura, posta en coñecemento da innovación, respaldo de eventos deportivos, aplicación de medidas sostibles no ámbito ambiental ou normas de bo goberno no ámbito económico editando un código de boas condutas e ferramentas de vixilancia de cumprimento normativo.

A titora de Responsabilízache finalizaba a súa intervención comentando que grazas a este programa da Xunta de Galicia, S4 foi capaz de “adoptar claros principios éticos e demostrar un comportamento responsable, ademais dunha maior vinculación coa comunidade local”.

Pola súa banda, Jessica Fernández, do Departamento de Márketing e Comunicación de S4, sinalou que “queremos estar aí para achegar principios e valores. Saber que unha xente pequena, nun lugar pequeno, pode facer cousas pequenas que axudan a transformar o mundo é gratificante. Ao chegar á oficina é o primeiro que vemos. Creo que iso nos dá pé cada día para camiñar cara á responsabilidade, a ter accións coa nosa comunidade; a todos os niveis”.