As empresas galegas súmanse a un Nadal responsable coas súas accións de RSE

Imprimir Email
(0 votos)

Coa chegada da época de Nadal as iniciativas de responsabilidade social das empresas galegas intensifícanse, en concreto, aquelas relacionadas coa solidariedade, unha temática que consegue unir a empresas e cidadanía. Falamos cos responsables de RS de tres compañías galegas do sector agroalimentario (pertencentes tamén ao Grupo de Representación de Empresas Galegas en materia de RSE, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria) para que nos contaran que accións están levando a cabo durante estas datas.

"Desde a nosa empresa sempre respondemos ante situacións de emerxencia humanitaria. Este compromiso solidario anímanos a lanzar unha campaña a favor dos refuxiados", conta Gabriela González, directora de Responsabilidade Social de Vegalsa-Eroski. O convenio de colaboración que firmaron con ACNUR permitirá atender as necesidades dos desprazados sirios. Isto farase coa recadación da venda das estrelas decorativas, que estarán dispoñibles para os clientes dos supermercados Eroski ata o 7 de xaneiro. Tamén pensando nos damnificados da crise Siria, as traballadoras do supermercado da compañía en Betanzos recadaron diñeiro nunha "Andaina Solidaria" polo municipio. Neste caso, a empresa colaborou con Cruz Vermella.

[caption id="attachment_5989" align="aligncenter" width="400"]Leioa 23-11-2015 Estrella Solidaria en el EROSKI de Artea ©Fotógrafo: MITXI Estrela Solidaria en Eroski[/caption]

Máis solidariedade

Ademais, Vegalsa colabora con entidades máis próximas, como é o caso da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), quen promoveu unha iniciativa para que as tendas Familia de toda Galicia vendan bastóns solidarios este Nadal. O día 6 de xaneiro, coincidindo coa festividade dos Reis Magos, un total de once asociacións recibirán 11.000 quilos de alimentos doados por Vegalsa e cos que elaborarán o menú dese día para as persoas máis necesitadas. A empresa tamén colabora no eido deportivo, coa organización de torneos benéficos de fútbol e balonmán.

A outra grande empresa de alimentación, Gadisa, reforza as accións que leva durante todo o ano na nosa comunidade. Deste xeito, a través de Supermercados Gadis doará alimentos a 30 ONG ademais de promover o partido solidario do club de baloncesto Obradoiro, xogado o pasado 12 de decembro. Nos establecementos de Santiago repartíronse as entradas para o partido e, por cada unha que foi canxeada, Gadis entregou un quilo de produtos ao Albergue Juan XXIII.

Reforzar a RSE interna

Carmen Ponte, do departamento de Relacións Públicas de Feiraco, coméntanos que na súa empresa o Nadal sempre comeza cun recoñecemento aos seus traballadores e traballadoras. Unha das claves da responsabilidade social da cooperativa láctea é a preocupación polo seu persoal e, en decembro, reforzan a vertente interna da RSE cunha homenaxe a aquelas persoas cunha antigüidade de 30 anos. O acto fomenta o orgullo de pertenza á empresa e proxecta o compromiso coa estabilidade laboral.

[caption id="attachment_5993" align="aligncenter" width="400"]homenaxe-traballadores feiraco Traballadores de Feiraco homenaxeados (12-12-15)[/caption]

O Nadal tamén é época para achegarse ás familias, fomentando o sentimento de comunidade, e seguir reforzando a RSE interna que comentabamos. Cada ano ten lugar unha festa infantil para os fillos e netos do persoal da empresa. Neste encontro, ademais de xogos, realízanse actividades centradas nos valores e condutas sociais positivas que trata de promover a empresa dentro da súa política de RSC. Nesta ocasión, organizaron obradoiros de igualdade e reciclaxe.

Finalmente, Feiraco e a fábrica de Clesa en Caldas (Pontevedra), teñen prevista unha acción conxunta para o vindeiro 4 de xaneiro. Os nenos e nenas da Casa de Acollida Familia Laura Vicuña e as persoas do Centro Ocupacional de Saiar visitarán as instalacións de Clesa para coñecer o seu funcionamento e para asistir á representación teatral da historia da empresa. Trátase dunha obra de títeres preparada polo persoal da empresa, protagonista e encargado de proxectar na contorna o compromiso de Clesa cunha sociedade máis xusta e solidaria.