Tropaverde

Co obxectivo de fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, a empresa tecnolóxica Teimas desenvolve dende o ano 2015 a súa iniciativa Tropaverde, coa que contribúe á redución dos residuos e á optimización da súa xestión para crear cidades máis sustentables. 

Tropaverde é unha plataforma de gamificación que premia as boas prácticas dos cidadáns, os cales poden rexistrarse na mesma e obter puntos cada vez que leven os seus residuos aos lugares habilitados para a súa xestión, como puntos limpos ou centros socioculturais. Estes puntos poden ser posteriormente trocados por premios e descontos que outorgan os establecementos colaboradores, como comercios e locais de hostalería. 

Ademais, a través de Tropaverde, lévanse a cabo campañas de educación ambiental, que impulsan a reciclaxe e a economía circular. Algúns exemplos son "Reciclar na escola ten premio", desenvolvida nos centros educativos de Santiago de Compostela, ou "Longa vida aos teus aparellos electrónicos", creada para mellorar os índices de recollida nesta categoría de residuos. 

Impacto

Tropaverde conseguiu a implicación de máis de 5.000 usuarios na reciclaxe e o aproveitamento dos residuos, así como de empresas locais e rexionais pertencentes á economía circular e outras pequenas empresas e comerciantes. Nas súas campañas escolares participaron máis de 4.000 alumnos e alumnas dos centros galegos. Na actualidade, atópase en oito concellos de Galicia e, no ano 2019, implantarase en cinco cidades europeas da man do proxecto URBACT.

 

Empresa: Teimas Desenvolvemento

Tamaño: 18 empregados

Sector: Sector residuos

Web: https://teimas.com/