Axudando á competitividade das pemes galegas
Ser máis responsables social e ambientalmente beneficia e compete a todo tipo de empresas, non só ás grandes corporacións. As compañías líderes, as que contan con mellor reputación, xa teñen integrada a RSE nas súas estratexias dende hai tempo. Neste sentido, resulta clave a formación e o compromiso dos equipos directivos, que serán os encargados de implementala de maneira eficaz en todas as áreas de xestión.
A RSE como elemento estratéxico:
- Aumenta a presión regulatoria en materia de ASG en ámbitos que, ata hai pouco, eran de carácter voluntario. As empresas deben prepararse para responder a estas demandas.
- Os mercados de investimento e finanzamento inclínanse a favor de negocios que integren criterios ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).
- Clientes, consumidores e sociedade xeral teñen cada vez unha maior sensibilización cara á responsabilidade das empresas.
- As grandes organizacións establecen requirimentos ASG nas súas cadeas de valor, o que impulsa o posicionamento en sustentabilidade do tecido empresarial.
O PROGRAMA RESPONSABILÍZATE, é un plan de asesoramento GRATUÍTO dirixido ás pequenas e medianas empresas en materia de Responsabilidade Social Empresarial. Este inclúe ademais, o acompañamento na aplicación de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades.
Obxectivos
- Realizar un diagnóstico do estado actual e potencial das obrigas ASG/RSE nas pemes galegas, e dar aos participantes asesoramento e formación para que implementen e desenvolvan as súas propias actuacións.
- Promover a incorporación das obrigas ASG/RSE nos diferentes modelos de negocio, para que esta repercuta positivamente nos resultados empresariais e na visión dos seus respectivos grupos de interese.
Beneficiarios
Poderán participar no programa tanto pemes como persoas traballadoras autónomas, que teñan radicado o seu domicilio social ou que conten con algún centro de traballo en Galicia. Ademais, deben cumprir os seguintes requisitos:
- Ter polo menos unha persoa traballadora por conta allea.
- Non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior a 43 millóns de euros.
- Non ser entidades sen ánimo de lucro.
Documentación necesaria
- Formulario normalizado (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR320B&ano=2021&numpub=1&lang=gl)
- Copia da escritura de constitución, estatutos ou documentos análogos da empresa solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.
- Autorización para a comprobación dos seguintes datos:
- DNI/NIE solicitantes ou DNI/NIE persoa representante
- NIF empresa solicitante
- Vida laboral de todos os códigos da conta de cotización da empresa solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.
Servizos
- Análise do estado, potencial competitivo e situación da RSE na empresa.
- Analizarase a fase de implantación na que se atopa a RSE na compañía, partindo do estudo do modelo de negocio e analizando todas as funcións e procesos que forman parte da cadea de valor.
- Asesoramento e formación.
- Impartirase un módulo formativo en liña que, a través de unidades temáticas específicas, permitirá ás empresas coñecer as claves da RSE e a súa aplicación en distintos ámbitos da xestión.
- As empresas poderán participar en formacións conxuntas impartidas por expertos nacionais nas distintas materias que compoñen a RSE.
- Tamén contarán con xornadas de formación e asesoramento personalizadas, que favorecerán o desenvolvemento dunha folla de roteiro específico para cada empresa.
- Definición do Plan de Acción en RSE para as pemes, implantación das primeiras accións e seguimento do seu desenvolvemento.
- A partir do informe de diagnose e da formación impartida, definirase a metodoloxía para a elaboración dun plan individualizado de acción en RSE, e implantará un mínimo do 20% das accións previstas no mesmo.
- Centro de atención personalizado RSE.
Selo
As empresas que participen no programa e superen correctamente todas as fases, poderán obter un selo de empresa responsabilízate, este identificará a aquelas empresas comprometidas que forman parte da Comunidade. Trátase por tanto dun elemento de visibilidade e fidelización.
“Posicionamento, diferenciación e xeración de confianza entre os consumidores”
Para xerar maior confianza entre os consumidores e outros grupos de interese e posicionar os seus produtos e servizos e os atributos das súas empresas como responsables
Para poder optar á concesión do selo Responsabilízate por primeira vez, será necesario cumprir cos seguintes requisitos:
- Ser admitido como beneficiario do programa Responsabilízate.
- Estar rexistrado no portal Xunta-Pro RSE e completar polo menos o cuestionario de auto diagnóstico.
- Colaborar coa fase de diagnóstico do programa, achegando información relevante para a análise do estado actual da sustentabilidade na empresa.
- Completar a totalidade dos módulos formativos do curso en liña “Fundamentos ASG para empresas” e participar en 5 horas de asesoramento personalizado co/a técnico RSE.
- Contar cun plan de acción en materia de sustentabilidade en proceso de implantación á finalización do programa.
- A dirección da empresa deberá asinar e publicar o seu compromiso con:
- O desenvolvemento sustentable, os Dereitos Humanos e a Axenda 2030.
- A execución do plan de acción acordado á finalización do programa Responsabilízate, así como o seu seguimento e mellora continua.
- A integración continuada da sustentabilidade e a RSE na estratexia e procesos da organización.
- O impulso do diálogo e o coñecemento das expectativas dos grupos de interese.
- O fomento da transparencia e a comunicación.
A obtención do selo terá unha duración de dous anos, tras os cales deberá procederse á súa renovación realizando as seguintes accións:
- Presentación dun Plan de sustentabilidade actualizado.
- Presentación dunha memoria de resultados de accións de Plans de sustentabilidade de períodos anteriores.
- Firma de renovación do compromiso coa implantación da sustentabilidade por parte da dirección.
Empresas Responsabilízate