Aplicaciones de Bombeo Industrial (ABIN) desempeña unha actividade que esixe o consumo de auga da rede de subministración municipal para satisfacer as necesidades básicas do persoal, en procesos de limpeza das súas instalacións e en procesos levados a cabo polo Departamento Técnico, área de Taller, sendo aquí onde se rexistra o maior consumo de auga ao ser esta requirida en operacións de mantemento e posta a piques de equipos de bombeo (realización de probas de funcionamento e presión, por exemplo). Para a execución destas probas, a empresa dispón en Taller dun “foso de probas” cuxo enchido require un volume importante de auga.
Coa finalidade de minimizar o consumo de auga adoptouse como boa práctica ambiental o aproveitamento das augas pluviais (ao ser a climatoloxía de Galicia propicia). Desta maneira, en época de choivas, o persoal técnico procede á recollida das augas pluviais canalizadas nas instalacións antes de que sexan conducidas á saída da rede de pluviais. Para esta tarefa utilizan un equipo de bombeo do seu propio parque de maquinaria. As augas aspiradas pola bomba son conducidas e depositadas nun contedor estanco onde quedan almacenadas para o seu posterior emprego. Convén matizar que a auga do devandito contedor utilízase tanto para o enchido do foso como en operacións de limpeza de maquinaria, útiles e ferramentas.
Adoptando esta práctica ABIN logrou reducir significativamente o consumo de auga.
Impacto
Redución de impactos ambientais: consumo de recurso natural como é a auga; aforro económico (redución de facturas de consumo de auga); aforro de reservas de auga dos ríos e lagos; creación dun mundo máis racional e sostible.
Empresa: Aplicaciones de Bombeo Industrial, S.L.
Tamaño: 6 empregados
Sector de actividade: Comercio de maquinaria para a minería, a construción e a enxeñería civil
Páxina web: www.abin.es