A Xunta incrementa a oferta formativa en prevención de riscos laborais que cualificará a 1.100 traballadores

Imprimir Email
(0 votos)

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), desenvolve dous cursos de formación sobre prevención de riscos laborais dirixidos a 400 alumnos e alumnas, dúas accións que forman parte do Plan anual de actividades do Issga. Dunha banda, 300 persoas recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 5 de maio, data na que se realizará unha proba final; e, por outro lado, impartirase para 100 alumnos e alumnas un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre, que finalizará o 6 de maio.

O Issga este ano, en total, ofrece 1.100 prazas nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, un 33% máis que o pasado ano, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para actividades de tempo libre (en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) e outra para traballadores autónomos. Na web do Issga, issga.xunta.gal, pódese consultar toda a información destes cursos.

A Xunta, a través dos dous cursos que comezan hoxe e do resto que se porán en marcha ao longo deste ano, promoverá comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, e fomentará o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada. Os alumnos e alumnas tamén aprenderán a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.

Estas accións, de 60 horas de duración, teñen o obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención de nivel básico e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo. A oferta formativa do Issga, que este ano desenvólvese na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.