A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participipou nunhas xornadas dun ciclo en liña co que a Xunta achégase aos axentes sociais -entidades sindicais e empresariais- formación especializada acerca da nova normativa en materia de igualdade laboral.
A directora xeral afondou no compromiso que a Xunta está a asumir para tomar un papel activo e de impulso continuado das políticas de igualdade a nivel transversal, en especial, no eido da igualdade laboral. Tamén na posta a punto das persoas que se encargarán de aplicar as novidades normativas no eido da empresa. “Vós sodes os chamados polo lexislador e antes pola xurisprudencia, a negociar os plans de igualdade e a auditoría salarial”, lembrou Elena Mancha ante os participantes.
A Xunta está a arbitrar medidas para impulsar un coñecemento o máis profundo posible sobre estes temas. “Con iso garantirase que as negociacións dos plans de igualdade cheguen a bo porto”, afirmou a directora xeral. A formación hoxe estreada persegue, precisamente, que as organizacións sindicais conten cos recursos axeitados para que a igualdade sexa unha realidade e coñezan da dificultade de romper con inercias empresariais que ata o de agora nunca tiveron en conta a perspectiva de xénero.
Elena Mancha insistiu neste sentido na necesaria formación das persoas vinculadas ao mundo laboral porque impulsan, segundo dixo “un emprego de calidade, sempre atendendo á diversidade e a igualdade”. Estes principios contribúen a mellorar os obxectivos empresariais e a competitividade , ademais de “impulsar unha Galicia máis sustentable de futuro coa responsabilidade social empresarial como elemento diferencial”, aseverou.
A webinar composta por tres xornadas virtuais comezaron o venres falando de normativa reguladora e os mecanismos de negociación en materia de igualdade laboral. Nas próximas semanas falarse de igualdade retributiva e os protocolos de acoso e o útimo encontro abordará os plans de igualdade no seo das organizacións e a labor de diagnose.