Os premios 2019-2020 do Consello Social da UDC recoñecen proxectos de innovación e desenvolvemento

Os premios 2019-2020 do Consello Social da UDC recoñecen proxectos de innovación e desenvolvemento Destacado

Imprimir Email
(0 votos)

O Consello Social da Universidade da Coruña ven de entregar os premios 2019-2020 nos que se recoñece a innovación e o desenvolvemento, que axuda ó desenvolvemento da Resposabilidade Social e que nesta edición recoñece a importancia do traballo en torno a iniciativas que se traducen nun beneficio social.

Nesta edición entregáronse os premios Confianza UDC á Fundación Emalcsa; o Premio Impulso UDC a GEAMA e o Premio Emprende UDC a BIMA.

Premio Confianza

Nesta edición foi recoñecido o proxecto de Emalcsa que recibiu o Premio Confianza UDC que recoñece o seu compromiso e colaboración coa institución académica coruñesa. En dous anos, Emalcsa achegou máis dun millón de euros para diferentes accións e proxectos investigadores.

A compañía municipal de augas impulsou dez proxectos de investigación relacionados coa xestión sostible da auga, un dos piares da súa actividade, que foron desenvolvidos por grupos da Universidade da Coruña. Un exemplo é o ‘Plan ECAD: deseño, desenvolvemento e implementación do Módulo Experimental DUSA 3’ realizado por GEAMA.

Co seu apoio desenvolvéronse tamén oito actividades na área de docencia e extensión universitaria e que se enmarcan na Cátedra Emalcsa, da que é promotora.

Premio Impulso

Por outra banda o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) recibiu o Premio Impulso UDC nas mans do seu coordinador, Luis Cea. GEAMA destacou entre as seis candidaturas presentadas como o grupo de investigación máis competitivo da institución académica.

Conformado por 35 membros entre persoal docente e investigador, desenvolveron ao longo destes dous anos 69 contratos con entidades públicas e empresas privadas –Repsol, Endesa ou Emalcsa- amosando unha extensa actividade na transferencia de coñecemento. Participou, ademais, en 26 proxectos de investigación competitivos.

No seu conxunto, GEAMA logrou captar un financiamento superior aos oito millóns de euros e tomar parte en traballos de ámbito internacional como o AA-Floods, relacionado co desenvolvemento de ferramentas en prevención, alerta e xestión de emerxencia por inundacións e financiado polo Programa Interreg Atlantic Area.

Premio Emprende

O cofundador de Bioloxía e Información Marítima Ártabra (BIMA), Iván García Queijo, recolleu o Premio Emprende UDC á idea emprendedora máis innovadora. Formada por dous titulados da institución académica, un biólogo mariño e un enxeñeiro náutico, incorpora a tecnoloxía SIG ao medio mariño e en sectores como a pesca ou operacións portuarias.

Este proxecto, que pasou polo Viveiro de empresas da UDC e que xa ten entre os seus clientes ao Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), permite converter grandes bases de datos nun mapeado visual e xeoreferenciado. No ano de actividade proclamouse gañador local do Programa “Explorer-Jóvenes con Ideas’ patrocinado por Santander – CISE.