No actual contexto económico a Xunta de Galicia volve a descatar a importancia que ten para a creación de emprego e para as empresas a formación especializada, e á medida das necesidades do tecido productivo. Ambas accións son precisas para a reactivación do emprego impulsando e reforzando a Responsabilidade Social Empresarial.
Así o destacou o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, nunha xuntanza coa Fundación Belarmino Fernández Iglesias, un colectivo afincado en Sober e no que se imparte formación vencellada á hostalaría. Casal destacou a importancia de desenvolver programas de formación especializada e a medida das necesidades do tecido empresarial para a reactivación do emprego en Galicia.A cualificación de calidade, segundo Casal, é o camiño para a creación de emprego subliñando que a formación é dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade e das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.
Así, puxo en valor o modelo de formación dual e flexible no que se combina a cualificación das persoas desempregadas cun contrato de traballo, programas polos que aposta a Xunta para a reactivación do mercado laboral. Do que se trata, segundo apuntou, é achegar respostas formativas a medida para o emprego, incidindo na importancia da formación on line no novo contexto marcado por un maior uso das novas tecnoloxías.
O director xeral lembrou que a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, conta, en global, cun plan galego de formación que permitirá a cualificación de máis de 30.000 galegos e galegas a través de 3000 cursos.
Sinalou, así mesmo, a importancia da colaboración cos concellos, entidades e empresas, xa que afirmou que a vía para crear emprego de calidade é escoitar propostas e atender as necesidades reais e puntuais axustadas ao contexto actual.
Axenda de Emprego
O director xeral, ademais, expuxo as principais liñas da nova Axenda de Emprego, aprobada pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño, para a recuperación do emprego de calidade. En consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica, conta cun orzamento de 196,7M€, prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas das que se beneficiarán máis de 65.000 galegos e galegas.
O obxectivo da nova folla de ruta é recuperar no menor tempo posible o emprego destruído desde mediados do mes de marzo e restaurar a senda de crecemento que se vivía en Galicia antes da covid-19.
Casal explicou que os principais retos aos que se debe enfrontar o mercado laboral actual son impulsar unha transformación tecnolóxica nas empresas a través da formación, facilitar a convivencia das diferentes formas de traballo –presencial e teletraballo– garantindo a seguridade tecnolóxica, protexer aos grupos de risco sanitario no traballo e mellorar o acceso dos traballadores e usuarios ao servizo de emprego da Administración autonómica.
A Xunta confía con esta planificación en dar resposta ás necesidades dos traballadores, dos autónomos e das empresas galegas a medida que evolucione a situación actual e apoialas para facilitar a transición cara a un novo contexto laboral poscovid-19. Ademais, as iniciativas recollidas na nova Axenda contribuirán a recuperar a confianza do mercado laboral para consolidar a senda do emprego de calidade nunha Galicia competitiva.