Continúa aberto, ata esgotar prazas, o proceso de recepción de solicitudes para o programa “Responsabilízate” 

Continúa aberto, ata esgotar prazas, o proceso de recepción de solicitudes para o programa “Responsabilízate” 

Imprimir Email
(0 votos)
  • O DOG publica hoxe a resolución pola que se modifican as bases reguladoras para a selección de empresas
  • As solicitudes serán atendidas por estrita orde de entrada no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego, de forma telemática ou presencial
  • As pemes e persoas autónomas con traballadores ao seu cargo, recibirán, de xeito gratuíto, un completo asesoramento en responsabilidade social empresarial, desde a formación ata a implantación das primeiras accións de RSE

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Resolución do 7 novembro de 2016, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dá publicidade da modificación das bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas ás que se prestarán servizos de asesoramento en materia de responsabilidade social empresarial a través do programa Responsabilízate.

Durante o período de envío de solicitudes, que continúa aberto, diversas organizacións fixeron achegas e suxestións baseadas na necesidade de ampliar o alcance do programa. Por este motivo, a nova resolución flexibiliza o acceso a Responsabilízate para así chegar a un maior número de entidades beneficiarios (pemes e autónomos con persoas traballadoras ao seu cargo). 

Simplificación do proceso de solicitudes

Co fin de facilitarlles o proceso de participación ás empresas, a nova resolución esixe só tres requisitos:

  • Ter cando menos unha persoa traballadora por conta allea.
  • Non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou os 43 millóns de balance anual.
  • Non ser entidades sen ánimo de lucro. 

Ademais, para inscribirse só é preciso enviar cuberto este documento, que tamén se atopa na sede electrónica, xunto coa fotocopia compulsada do DNI, só no que caso de que non se autorice a comprobación dos datos por medio de acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade. As solicitudes poden facerse de xeito presencial en rexistro ou a través da dita sede electrónica.

Calquera problema coa sede electrónica á hora de enviar a solicitude, cómpre poñerse en contacto co Centro de Atención ao Usuario da Xunta de Galicia, no teléfono 012 ou correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Prazo e selección de empresas

O prazo estará aberto ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria.

A selección das empresas participantes farase por estrita orde de chegada das solicitudes ao Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego. 

Unha vez cuberto o número de prazas comunicarase a través da nosa web rse.xunta.gal  e informaráselles ás empresas admitidas. Ás solicitudes xa recibidas con anterioridade aplicaránselles os requisitos e modificacións establecidos nesta nova resolución.

Responsabilízate: servizos básicos RSE 

• Diagnose do estado e potencial da RSE na peme.

• Formación na materia.

• Acompañamento na definición dun plan de acción e implantación das primeiras medidas a levar a cabo. 

Desde a Xunta de Galicia cremos que a consecución de empresas máis competitivas e eficientes pasa por unha xestión responsable. Por iso impulsamos a implantación da RSE no tecido empresarial galego, nesta ocasión ofrecendo este programa sen custe algún para as pemes que se anoten.