A Xunta de Galicia impulsa o Selo Responsabilízate, a marca das pemes e microempresas sustentables de Galicia

A Xunta de Galicia impulsa o Selo Responsabilízate, a marca das pemes e microempresas sustentables de Galicia

Imprimir Email
(1 Votar)

A Xunta de Galicia segue abrindo camiño no eido da sustentabilidade coa concesión do selo Responsabilízate: un novo recoñecemento que outorgará a institución autonómica ás empresas que completen con éxito todas as fases do programa do mesmo nome e co que pretende poñer en valor o impulso que as microempresas e pemes galegas lle están a dar á implantación dos valores Ambientais, Sociais e de Goberno corporativo (ASG) e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

O programa Responsabilízate que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia é o primeiro proxecto destas características posto en marcha en España para o acompañamento integral, formación e asesoramento en implantación da RSE orientado a empresas deste perfil. Coa concesión deste selo, as empresas posuidoras serán distinguidas como axentes creadores de valor compartido e situaranse como as primeiras en avanzar cara a un novo concepto de peme e microempresa sustentable, responsable, comprometida cos valores ASG e adiantada ás tendencias normativas. 

Para poder optar á concesión do selo Responsabilízate por primeira vez, será necesario cumprir cos seguintes requisitos:

  1. Ser admitido como beneficiario do programa Responsabilízate.
  2. Estar rexistrado no portal Xunta-Pro RSE e completar polo menos o cuestionario de auto diagnóstico.
  3. Colaborar coa fase de diagnóstico do programa, achegando información relevante para a análise do estado actual da sustentabilidade na empresa.
  4. Completar a totalidade dos módulos formativos do curso en liña “Fundamentos ASG para empresas” e participar en 5 horas de asesoramento personalizado co/a técnico RSE.
  5. Contar cun plan de acción en materia de sustentabilidade en proceso de implantación á finalización do programa.
  6. A dirección da empresa deberá asinar e publicar o seu compromiso con:
    • O desenvolvemento sustentable, os Dereitos Humanos e a Axenda 2030.
    • A execución do plan de acción acordado á finalización do programa Responsabilízate, así como o seu seguimento e mellora continua.
    • A integración continuada da sustentabilidade e a RSE na estratexia e procesos da organización.
    • O impulso do diálogo e o coñecemento das expectativas dos grupos de interese.
    • O fomento da transparencia e a comunicación.

A obtención do selo terá unha duración de dous anos, tras os cales deberá procederse á súa renovación realizando as seguintes accións:

  1. Presentación dun Plan de sustentabilidade actualizado.
  2. Presentación dunha memoria de resultados de accións de Plans de sustentabilidade de períodos anteriores.
  3. Firma de renovación do compromiso coa implantación da sustentabilidade por parte da dirección.

Ademais, tomar parte no programa Responsabilízate ten un plus engadido:  as empresas adscritas poderán participar da iniciativa Comunidade en Liña Responsabilízate, unha plataforma aberta ao público onde se permitirá coñecer as iniciativas das empresas responsables, participar en debates ao redor da contribución das empresas á súa contorna e xerar redes de intercambio de coñecemento e experiencia.

Queres que a túa empresa tamén forme parte da transformación sustentable?  Infórmate sobre os requisitos de admisión ao programa e solicita a túa praza:

https://rse.xunta.gal/index.php/es/recursos/programas/responsabilizate