O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pola que se convocan as axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade. En total, destínanse 25,75 millóns de euros aos que poderán acceder os máis de cen CEE rexistrados en Galicia.
Coa iniciativa, que abranguerá do mes de decembro do pasado ano 2023 a novembro deste 2024, prevese beneficiar case 4.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 145 postos de traballo indefinido. Ademais, contrataranse 160 profesionais para dar apoio nos CEE a 800 persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo.
A iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe tres liñas de axuda: unha para o mantemento do custo salarial nos CEE; outra para financiar as unidades de apoio á actividade profesional; e unha terceira que promoverá a creación de postos estables para persoas con discapacidade e a adaptación de postos e asistencia técnica nestes centros.
A liña que conta con máis orzamento (en concreto, máis de 23,3 millóns de euros) destinarase a manter os custos salariais e os empregos das persoas traballadoras con discapacidade nos CEE, que recibirán importes equivalentes ao 50 % do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
Por outra banda, un total de 1,3 millóns destinaranse a financiar os custos salariais da contratación indefinida do persoal das unidades que presta apoio a esas persoas con maiores obstáculos para atopar traballo.
Por último, case 1,15 millóns de euros distribuiranse en achegas para dar estabilidade aos postos de traballo mediante a contratación indefinida (máximo de sete postos por centro subvencionables) con incentivos de ata 25.000 euros por posto creado a xornada completa en función das características da persoa traballadora; e para a adaptación de postos de traballo ás condicións das persoas con ata 2.000 euros por cada un.
O prazo de solicitude conclúe o próximo 14 de marzo.
Con esta iniciativa o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo a través dos centros especiais de emprego, un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado ordinario de traballo. Nese senso, cómpre engadir que -como novidade- a convocatoria contempla incentivos de 300 euros polo paso dun traballador con discapacidade á empresa ordinaria.
Cómpre engadir que nos últimos 14 anos, o número de persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia triplicouse, pasando das 1.296 persoas de 2009 ás case 4.000 de 2023.