Celebración da xornada “Sustentabilidade e competitividade na empresa” na Coruña para presentar o Programa Responsabilízate

Celebración da xornada “Sustentabilidade e competitividade na empresa” na Coruña para presentar o Programa Responsabilízate

Imprimir Email
(0 votos)
Media

O 7 de febreiro celebrouse a xornada “Sustentabilidade e competitividade na empresa”, na que se presentou a nova edición do Programa Responsabilízate na sede da Asociación de Empresarios de Agrela da Coruña.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou no acto, que se desenvolveu en colaboración coa Asociación de Empresarios de Agrela e a Asociación de Empresarias de A Coruña. Lembrou que con esta iniciativa a Administración autonómica apoia ás empresas para que apliquen na súa xestión valores medioambientais, sociais e de goberno corporativo, os tres piares da sustentabilidade.

O programa, de carácter gratuíto, ofrece 200 prazas -na actualidade estase coa fase de captación- e as primeiras empresas interesadas proceden de sectores diversos como a hostalaría, o turismo, a biotecnoloxía e as enerxías renovables. Tal e como subliñou a directora xeral, está a destacar o interese das firmas do sector primario e do ámbito tecnolóxico, con modelos innovadores.

Mancha lembrou que poden acceder a esta iniciativa pemes e persoas autónomas que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo en Galicia. Deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros.

As persoas beneficiarias reciben asesoramento experto, formación ou un plan de acción para implantar medidas en materia de sustentabilidade ambiental, social e de goberno corporativo.

O programa Responsabilízate enmárcase no conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia está a despregar co gallo da execución da Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) 2023-2025. Esta planificación está a centrar os esforzos en promover espazos de traballo igualitarios e en atraer e reter talento.

Con 174 millóns de euros de orzamento, a estratexia quere preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada, indicou a directora xeral. Trátase, como afirmou, de situar os valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.

A xornada

Na xornada de presentación, ademais da directora xeral de Relacións Laborais, a presidenta da Asociación de Empresarios de Agrela e a presidenta da Asociación de Empresarias de A Coruña, tomaron parte representantes das empresas  RESONAC, ABIN Aplicaciones de bombeo industrial, COFRICO e GRADHOC, IT fabricación digital e Valora Consultores.

Estes encontros, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a celebrar nas catro provincias, enmárcase na cuarta edición do programa Responsabilízate, cuxa convocatoria está aberta a empresas que esten interesadas en participar, a través da seguinte ligazón:

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B.


Media