Presentación do IV programa Responsabilízate

Presentación do IV programa Responsabilízate

Imprimir Email
(0 votos)

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou o 12 de decembro na clausura do acto de presentación da cuarta edición do programa Responsabilízate, co que a Xunta apoia ás pemes para que apliquen na súa xestión valores medioambientais, sociais e de goberno corporativo, os tres piares da sustentabilidade.

A iniciativa conta con 200 prazas -na actualidade estase coa fase de captación- e ata o de agora inscribíronse empresas de diferentes perfís e sectores (hostalaría, turismo, biotecnoloxía e enerxías renovables). Poden beneficiarse desta iniciativa pemes e autónomos que teñan o seu domicilio social ou conten cun centro de traballo en Galicia. Deben ter, polo menos, unha persoa contratada por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior aos 43 millóns de euros. As persoas que participan reciben asesoramento experto, formación ou un plan de acción para implantar medidas.

A Xunta foi pioneira en RSE en 2012 cando aprobou o primeiro plan en RSE. Na actualidade, o Goberno galego está a executar unha nova Estratexia de RSE para promover espazos de traballo igualitarios. A planificación quintuplica a súa dotación orzamentaria, ata os 174 millóns de euros, para atraer e reter talento. A Xunta busca que esta iniciativa sirva de motor para que todos os axentes públicos e privados dispoñan dun marco de referencia para avanzar no camiño da RSE. Conta con 25 medidas para, entre outros retos, transformar os modelos de negocio das empresas para que teñan máis oportunidades na economía que vén; apoiar ás compañías para mellorar os seus sistemas de transparencia e atraer e captar talento favorecendo contornas de traballo inclusivas e con solucións innovadoras de impacto social e/ou ambiental.

Rivo, ademais, referiuse á nova Lei de igualdade, que regula conceptos que están vinculados á RSE como é o benestar laboral.

En palabras de Rivo, cada vez son máis as empresas que aplican os criterios ambientais, sociais e de boa gobernanza porque reforza a competitividade e axudan a captar e reter o talento, conseguindo, ademais, rendibilidade financeira. “As empresas responsables son o futuro e polo camiño da sustentabilidade contribuiremos ao progreso de Galicia”, rematou.

O prazo de presentación de solicitudes para participar na nova edición do programa atópase aberto e accesible a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR320B&ano=2023&numpub=1