A Comunidade en liña do programa Responsabilízate continúa sumando participantes á súa plataforma colaborativa

A Comunidade en liña do programa Responsabilízate continúa sumando participantes á súa plataforma colaborativa

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia continúa co seu propósito de fomentar a implantación da Responsbilidade Social Empresarial (RSE) entre as pemes e microempresas galegas. Da man do programa Responsabilízate, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a impulsar un punto de encontro para o conxunto de empresas que participan deste proxecto: a Comunidade en Liña Responsabilízate. E a resposta non podía ser mellor, xa que cada xornada aumenta o número de entidades que se achegan a esta nova plataforma colaborativa.

Hospedada na plataforma multifuncional Microsoft Teams, a Comunidade en Liña é un lugar de intercambio de ideas, noticias, boas prácticas e recursos relacionados coa xestión sostible e a RSE para máis de 113 entidades. Durante o mes de febreiro, destacou a presentación que dous participantes fixeron dos seus respectivos perfís: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) e BIBUS Spain.

AEIGA é unha asociación sen ánimo de lucro que reúne empresas de inserción laboral da comunidade galega. “A nosa entidade traballa activamente no ámbito da inclusión sociolaboral dos colectivos denominados en risco de exclusión”, explica Jesús González, secretario técnico da área de calidade e medio ambiente da entidade. “De igual forma, representamos e defendemos os intereses das empresas de inserción de Galicia. O noso traballo enmárcase na difusión e fomento das Empresas de Inserción Laboral como modo de loita contra a exclusión social e ferramenta de inserción de persoas en situación de risco e/o situación de exclusión social”. 

Seis empresas socias de AEIGA solicitaron formar parte do programa Responsabilízate, buscando fomentar e promover o avance da xestión sostible no tecido empresarial galego á vez que realizan o seu labor de integración no mercado laboral de persoas en risco de exclusión e de representación dos intereses do conxunto de empresas de Inserción de Galicia.

Pola súa banda, BIBUS é unha empresa con máis de 50 anos de experiencia en tecnoloxías de transmisión, pneumática, hidráulica, amortiguación, sistemas de seguridade, etc. Como nos conta a súa representante Alba Fernández, responsable de Marketing en BIBUS Spain: “A empresa suíza BIBUS Holding AG reúne unha rede internacional de filiais independentes en Europa e Asia. BIBUS Spain somos a filial española, formada por un equipo de profesionais cunha alta capacitación técnica e a vocación de ofrecer solucións aos nosos clientes”. 

BIBUS Spain está fortemente comprometida coa implantación da RSE no seu modelo de negocio, poñendo en marcha iniciativas de acción social e de protección da biodiversidade. No marco do programa Responsabilízate, BIBUS atópase inmersa no proceso de asesoramento personalizado destinado a trazar as bases dun plan de acción que oriente unha estratexia para a implantación integral da sustentabilidade no desenvolvemento da súa actividade.

Queres que a túa empresa forme parte de Responsabilízate? Consulta máis información: https://rse.xunta.gal/index.php/es/recursos/programas/responsabilizate

Inscrición a través da sede electrónica: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?langId=es_ES&codtram=TR320B