A economía circular como garantía para o futuro de Galicia

A economía circular como garantía para o futuro de Galicia

Imprimir Email
(0 votos)

O director do Igape e a vicepresidenta de Viratec inauguran unha nova xornada no marco do programa Capacita Directivos.

A economía circular como garantía dun modelo económico que facilite novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente. Baixo o título A economía do futuro é circular, a xornada organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia e APD, coa colaboración da Xunta de Galicia, foi inaugurada polo director do Igape, Fernando Guldrís, no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Acompañado da vicepresidenta do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), Josefa de León, Guldrís subliñou a importancia de “avanzar cara a unha economía circular” coma “o camiño a seguir para reducir a presión sobre a contorna, mellorar a seguridade e subministración de materias primas, aumentar a competitividade e a innovación das nosas empresas e apostar polo crecemento dun Emprego cada vez máis verde”.

O encontro, celebrado no marco do programa Capacita Directivos para promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administración, clústeres e centros de coñecemento, serviu de escenario para lembrar o compromiso da Xunta co futuro a través dos fondos Next Generation. Neste sentido, o director do Igape avogou por “aproveitar as oportunidades que ofrece o Perte de Economía Circular, no que destaca a natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”.

Redución, reutilización e reciclaxe

Durante a súa intervención, Guldrís lembrou ademais que Galicia ten en marcha a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. “Redución, reutilización e reciclaxe son principios transversais que se deben aplicar ao longo de todo o ciclo de produción, consumo e xestión dos materiais ao final da súa vida útil”, incidiu.