Impulso á economía circular nas pemes galegas

Impulso á economía circular nas pemes galegas

Imprimir Email
(0 votos)

A Xunta de Galicia busca promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento de residuos. Para iso, puxo en marcha un programa de axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, inclúe apoios do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, do 25% para as medianas -cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros en proxectos colectivos e de 75.000 euros en iniciativas individuais-.

As axudas serán destinadas, fundamentalmente, á instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais, hardware e software intelixente para a optimización de recursos ou a adquisición de maquinaria para a reutilización ou a reciclaxe de residuos. Todo iso no marco da Estratexia galega de economía circular, que fixa como principios básicos a redución, a reciclaxe e o deseño sostible.

Impulso á dixitalización

Outro dos programas de axudas destinadas a pemes e persoas traballadoras por conta propia postos en marcha a principios de xullo por parte do Goberno galego está centrado no impulso á dixitalización para a competitividade do tecido produtivo.

Tal e como afirmou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a presentación das novas liñas de axuda, que contarán cun orzamento conxunto duns sete millóns de euros, o obxectivo do programa é “mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas e dos autónomos da comunidade no marco dun contexto económico marcado pola saída da pandemia e a subida de prezos agravada pola invasión de Ucraína”.

Neste sentido, a Vicepresidencia Primeira convoca, a través do Igape, unha nova edición do programa de talleres e das axudas á dixitalización Industria 4.0, que apoia o desenvolvemento de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor.