A Xunta avoga por apoiar a contratación de mulleres en sectores cunha presenza residual de traballadoras

A Xunta avoga por apoiar a contratación de mulleres en sectores cunha presenza residual de traballadoras

Imprimir Email
(0 votos)

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na inauguración do II Simposio Muller e Minería, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia coa colaboración da Cámara Oficial Mineira de Galicia e o apoio da Xunta. Durante a súa intervención, Mancha remarcou o compromiso do Goberno galego para incrementar a presenza de traballadoras en sectores tradicionalmente masculinizados e avogou pola formación e a sensibilización de empresas e sociedade en materia de igualdade laboral.

A muller representa na actualidade o 9,79% do emprego feminino do sector da minería en Galicia, 1,2 puntos porcentuais máis que a media española, tal e como se constatou no simposio, no que se puxo de relevo que a tecnoloxía está a facilitar o acceso da muller á minería, unha actividade tradicionalmente masculinizada.

“Necesitamos moitos actos como este, onde se visualice a mulleres realizando con toda normalidade traballos tradicionalmente desempeñados por homes”, reivindicou Mancha, quen lembrou que, coa lexislación actual, o que falta agora é un “cambio de concepción” para derrubar estereotipos. “A segregación horizontal do mercado de traballo fai que mulleres e homes se distribúan en sectores de actividade distintos, e casualmente, os convenios colectivos reguladores fixan unhas retribucións medias máis altas nos sectores  masculinizados”, lamentou a directora xeral.

Na mesma liña, Mancha avogou pola formación en materia de igualdade laboral, “como as que facemos desde o primeiro campus virtual na materia” e por “medidas específicas e transversais, por exemplo, de apoio á conciliación”. “Non debemos ter barreiras para as mulleres en ningún sector nin en ningún posto de traballo”, concluíu con énfase a directora xeral, quen incidiu na necesidade de mellorar a súa presenza nas áreas de produción, máis aló dos postos administrativos.